Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela participa na Semana Europea da Prevención de Residuos que se celebra do 17 ao 25 deste mes de novembro.

Burela, 16 de novembro de 2018. O Concello de Burela participa na Semana Europea da Prevención de Residuos que se celebra do 17 ao 25 deste mes de novembro.
A Concellería de Medio Ambiente organizará ao longo destes días varios talleres de cociña con sobras de comida nos que participarán rapaces da Fundación Eu Son. Tamén terá lugar unha mesa informativa o venres 23 na praza do Concello.
Ademais durante esa semana a Delegación de Medio Ambiente dedicarase a repartir folletos informativos para axudar a todos a reducir os residuos que xeramos no día a día. Os datos indican que cada un de nós xera de media arredor de 1´5 quilos de lixo e que España está entre os vinte países que máis residuos rexistran.
A concelleira de Medio Ambiente, Noelia María Ben, sinala que “diante desas cifras consideramos que todo esforzo é pouco, e é necesario aplicar a regra das 3R: reduce, reutiliza e recicla. Non debemos esquecer que menos residuos equivale a máis recursos”.
A edil burelesa engadiu que “mañá, 17 de novembro, celébrase o Día da Prevención de Residuos Perigosos e, aínda que non somos conscientes, todos xeramos nos nosos fogares un bo número deles como pilas, lámpadas, aerosois, pinturas e disolventes, aceite, residuos eléctricos e electrónicos. Por elo debemos reducir na medida do posible a súa utilización, pensar antes de tirar se podemos seguir dándolle uso e depositalos sempre nos contedores específicos ou no Punto Limpo”.
A Semana Europea da Prevención de Residuos ten por obxectivo organizar, durante unha mesma semana en toda Europa, accións de sensibilización sobre como previr a xeración de residuos.

Exit mobile version