Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello iniciou as obras de humanización de varias rúa do núcleo de Cervo

Cervo, 3 de novembro de 2018.- O Concello de Cervo vén de iniciar as obras de humanización de varias rúas do núcleo urbano de Cervo, en concreto a área comprendida entre a rúa Calabadexo, rúa da Aldea e Xosé Álvarez.

O rexedor, Alfonso Villares, e o edil de Obras, Plácido Pérez, supervisaron os traballos acompañados do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

Villares quixo agradecer á Administración Autonómica a financiación íntegra deste proxecto, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que mobiliza case medio millón de euros (499.550 euros en concreto) “para a renovación integral de servizos e infraestruturas; e a mellora da imaxe desta zona tradicional e senlleira da capitalidade municipal mantendo, evidentemente, a esencia que a caracteriza e que a fai tan singular”.

As actuacións consistirán na renovación das redes de abastecemento e saneamento, o soterramento das redes de iluminación pública, subministro eléctrico e telefonía, a renovación da calzada e a instalación de novo mobiliario urbano.

Isto permitirá, entre outras melloras, dotar de hidratantes e bocas de rego ás rúas e independizar as redes de sumidoiros de augas pluviais e residuais, evitando que as primeiras discorran ata a depuradora e aumentando, por elo, o rendemento do sistema.

Pola súa banda, a canalización soterrada do cableado evitará o impacto visual que provocan as liñas de distintos servizos que actualmente cruzan as rúas, fachadas e fincas. A esta mellora estética contribuirá tamén a renovación da pavimentación da cazada, creando espazos diferenciados para os peóns e para o tráfico rodado; de tal xeito que a zona central se pavimentará con lastras de formigón; e a zona perimetral destinada aos viandantes, con laxas de granito; respectando a estética da contorna.

Pola súa banda, o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, sinalou que este investimento responde a un programa de axudas da Consellería que pretende fomentar un adecuado desenvolvemento urbanístico das vilas, con actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.

Nesta mesma localidade tamén están en marcha as obras de remodelación integral do Camiño da Fonte de San Roque cun orzamento global de 119.000 euros, financiados ao 50% pola Xunta de Galicia e o Concello.

Exit mobile version