Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello solicita a colaboración da Xunta e da Deputación para levar a cabo as obras de mellora do céspede no campo de fútbol Pepe Barrera, que suporían un investimento de 400.000 euros

Ribadeo, 13 de novembro de 2018. O alcalde, Fernando Suárez, solicita a colaboración da Xunta e a Deputación de Lugo para acometer as obras de arranxo do céspede do estadio municipal de fútbol Pepe Barrera. O investimento a realizar, segundo a memoria valorada polos técnicos municipais, ascende a 400.000 euros. O rexedor ribadense ven de enviar documentación á Xunta de Galicia, á Secretaría Xeral para o Deporte e á Deputación de Lugo demandando a colaboración destas administracións para poder levar adiante esta reforma canto antes. Suárez Barcia demanda unha axuda de 175.000 euros á Deputación, outros 175.000 euros á Xunta e o Concello faría unha achega de 50.000 euros. O Ribadeo FC e a SD Ribadeo apoian esta solicitude.
Fernando Suárez manifestou que “é coñecido o pésimo estado que presenta o céspede do estadio municipal Pepe Barrera, en canto a drenaxe, a que ten un chan colmatado que non está nada ben, un desnivel que non é axeitado, etc…, o que provoca que nas épocas de invernía e de auga nestes últimos anos, aínda que non se use dun xeito intensivo, aparezan moitísimos problemas que dificultan o xogo nel. Así é certo que se teñen suspendido, nestes últimos anos, partidos do Ribadeo FC, así como outras moitas incidencias”.
O alcalde explicou que “queremos desde o Concello poñer fin a esta problemática, polo que queremos plantexar a planificación para a actuación neste campo. Faise necesaria a colaboración doutras administracións, dado o elevado carácter desta inversión económica, así como o longo trámite de licitación da obra e a escasa marxe de actuación temporal no caso de que se leve adiante”.
Suárez Barcia dixo que “para todo isto os técnicos municipais elaboraron unha memoria valorada para resolver rotundamente estas problemáticas, e propoñen substituír todo este firme por outro novo, cuns modernos sistemas de drenaxe, cun novo sistema de rego, cun novo céspede e cun novo alumeado. Evidentemente o custo tampouco é menor, dado que ascende a 400.000 euros de diñeiro público. Iso sería o que se debería investir aquí”.
O rexedor ribadense relatou que “o Concello nin debe nin ten capacidade económica para asumir esta inversión integramente, polo que queremos botar man da Deputación, que sempre nos axuda e eu non creo que desta volta deixe de facelo, e tamén da Xunta, esa gran descoñecida para Ribadeo, polo menos nestes últimos anos, dado que desde o ano 2006 non actúa en inversións deportivas municipais. É dicir, non aparece por Ribadeo máis que para participar nalgún torneo dando medallas, dando trofeos e pouco máis”.
Fernando Suárez engadiu que “hoxe saíu documentación por correo de petición detallada de todo isto, por unha banda ao presidente da Xunta, tamén con copia á secretaria xeral do Deporte e ao presidente da Deputación de Lugo, pedíndolles a cada institución 175.000 euros de colaboración, á Xunta e outro tanto á Deputación, e 50.000 euros sería a achega que está disposto a asumir o Concello, totalizando así os 400.000 euros de inversión. Ademais coa petición de que, para poder levar a cabo esta actuación, deberán comunicalo nos vindeiros días se van botar unha man ou non, posto que os convenios económicos deberían estar asinados antes de que acabase este ano, para poder licitar as obras a principios do 2019 e para que puideran estar adxudicadas e listas para actuar ao remate da tempada, tanto do Ribadeo FC como da SD Ribadeo, aló polo mes de xuño”.
O Concello conta co apoio destes dous clubs: “ademais temos un compromiso destas dúas entidades apoiando este proxecto, polo que agardamos que tanto a Xunta como a Deputación cumpran, porque de non facelo non lle van fallar ao Concello senón que lle fallarán a este deporte tan importante, como é o fútbol, en todas as súas categorías desde os máis pequeniños ata os veteranos, pasando polos profesionais que xogan en Preferente Galicia actualmente e con ánimo de subir a Terceira División”.

Exit mobile version