Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP local presentará unha moción para que o Centro de Atención Temperá continúe en Burela e se consigne nos orzamentos de 2019 a aportación da Xunta

Burela, a 26 de novembro de 2018.- O presidente da Xestora do PP de Burela, Manuel Rouco, anunciou hoxe que o Grupo Municipal Popular da localidade presentará unha moción para o seu debate no Pleno ordinario que se celebrará o vindeiro xoves, día 29, a través da que se solicita que “se inclúa nos orzamentos de 2019 a contía que a Xunta destina para o Centro de Atención Temperá, dado que é unha subvención continuísta e, deste xeito, se garanta a continuidade en Burela do Centro, un servicio comarcal de considerable importancia, baixo a dependencia do Concello”.
Manuel Rouco asegurou que “os orzamentos confórmaos o alcalde e, polo tanto, é ao rexedor a quen lle compete incluír tal contía, polo que non cabe que descargue a súa responsabilidade en ninguén”. Ademais, o popular engade que “Burela non se pode permitir perder un servicio de carácter comarcal coma este, de enorme importancia desde o punto de vista socioeducativo, no que o 50% dos usuarios son do municipio”.
O presidente da Xestora lembra que “tanto nun recente Pleno coma na prensa, o alcalde e a anterior concelleira de Servicios Sociais culparon á Xunta de enviar tarde o importe da subvención correspondente, cando o alcalde sabe, por anos anteriores, que a Xunta envía o importe concedido ao 100% se se xustifica debidamente. É a mesma situación que a que acontece coa Unidade de Atención aos Drogodependentes ou con outros postos de traballo cubertos economicamente con achegas da Xunta. En todos estes casos xa se levan moitos anos consignando nos orzamentos anuais debidamente o importe das achegas da Xunta”.
Ante esta situación, Rouco considera que “non é comprensible que o alcalde non sexa capaz de garantir a cobertura, con carácter estable, do servicio de logopedia no Centro de Atención Temperá”.

O PP pide explicacións
Manuel Rouco considera que “se hai algún problema para consignar a subvención da Xunta para Atención Temperá nos orzamentos, iso reflicte que a situación económica do concello pode non ser precisamente a mellor, xa que compre lembrar que o ano pasado incumpriuse a regra de gasto. Llano debería dar explicacións, e non culpar á Xunta da situación”. Ante este feito, Manuel Rouco pregúntase “Se a Xunta aporta preto de 100.000€, por que Llano pon problemas?” ao tempo que lamenta que “a pesar da subvención, a día de hoxe, os nenos e nenas que precisan logopedia non están dispoñendo do servizo”.
Rouco lamenta tamén que “a día de hoxe e a pesares de que o Concello ten concedida unha subvención de 93.468’24€, e de ter recibido o 50% da mesma, o servizo de logopedia continúa sen atenderse e, polo tanto, hai un bo número de nenos e nenas que non teñen cuberta esta demanda, tan necesaria para o seu desenvolvemento sensorial”.
Perda de parte da subvención
O PP tamén lembra que a aportación da Xunta en 2016 e en 2017 foi de 42.246’78€ e de 75.921’27€, respectivamente. Pero, curiosamente, segundo precisa Manuel Rouco, “en 2017 Llano non foi capaz de xustificar a totalidade da subvención e perdéronse 6.816’70€, o que demostra a escasa capacidade de xestión do alcalde. E non debemos perder de vista que ao Concello non lle custan nada os locais do Centro, agás a limpeza, xa que son propiedade da Xunta”.
O presidente da Xestora dos populares ten “serias dúbidas de que este servicio lle interese realmente ao alcalde. Coas súas declaracións, Llano está poñendo en grave risco a continuidade do Centro de Atención Temperá. Se el é incapaz de xestionar debidamente este asunto, outros concellos poden pedirlle á Xunta o traslado do Centro, e así os nenos e nenas de Burela quedarían claramente prexudicados”.
O PSOE nunca fixo nada polo Centro de Atención Temperá
Rouco tamén precisa que “o PSOE, agás seguir coa súa xestión, moi deficiente como vemos, nunca nada fixo polo Centro de Atención Temperá”. Neste senso lembra que o Centro naceu dependendo da Mancomunidade de Concellos da Mariña, pero que a grave situación na que se atopaba en 2006 (o persoal tardaba meses en cobrar, entre outras circunstancias) fixo que o daquela Goberno municipal do PP “decidise asumilo, co fin de que non desaparecera, por consideralo fundamental no tecido socioeducativo da comarca”. Ademais, de novo outro Goberno municipal do PP, en 2012, trasladou o Centro ás dependencias que ten actualmente, gracias ao Consellería de Servicios Sociais e ao Sergas.
O presidente da Xestora conclúe que, “detrás das declaracións do propio alcalde, entendemos que se agocha un intento de desentenderse do Centro de Atención Temperá, co risco de perder a súa sede en Burela, na actualidade Concello promotor, xa que de seguro haberá concellos encantados de acoller este servizo, provocando que os nenos e nenas de Burela teñan que desprazarse”.

Exit mobile version