Site icon Crónica3.com A Mariña

Os militantes socialistas abordarán os proxectos abandonados polo PP na provincia co orzamento da Xunta para 2019

Lugo, 7 de novembro de 2018.- O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, informou este mércores sobre a celebración de 7 Encontros Comarcais Participativos, nos que todos os militantes do partido poderán abordar o conxunto de iniciativas que demandan os seus veciños nos 67 Concellos da provincia e ás que o PP dende a Xunta non quere dar resposta. “Entre todos os compañeiros faremos unha minuciosa análise das necesidades dos lucenses nos seus respectivos municipios e dos proxectos que se requiren para satisfacelas, que non se contemplan no Orzamento autonómico de 2019 para Lugo. Farémolo de cara a elaboración de emendas”, explicou Santo Ramos.

“Temos comprobado que todos os anos o PP na Xunta inclúe distintas partidas para uns poucos proxectos na provincia, que non chegaron a executarse. A situación repítese ano tras ano: mesmas iniciativas con distinto orzamento, que nunca se materializan. A maiores, compañeiros e veciños en xeral botan en falta outras moitas iniciativas non seus Concellos, que os populares prometeron en visitas ou campañas electorais e que nunca se soubo nada máis delas”.

“Os socialistas queremos uns orzamentos xustos e equitativos en Lugo, a provincia sempre maltratada polo Partido Popular, que reiteradamente ten demostrado que trata aos lucenses como cidadáns de segunda ou terceira, sendo xa moi grave que estableza categorías ou distinción algunha entre cidadáns. Os lucenses tamén somos galegos, pagamos os nosos impostos e temos os mesmo dereitos que os veciños das restantes provincias”.

“Queremos uns presupostos nos que os lucenses contemos e nos que non se nos discrimine, xa non por vivir en Lugo, senón por facelo nun Concello ou noutro, unha concreta Comarca, como por exemplo a Montaña, que sempre foi e segue a ser a grande marxinada polo PP. Somos unha provincia rural, moi envellecida e cunha ampla dispersión xeográfica. Necesitamos servizos públicos de calidade para poder vivir con dignidade en cada un dos núcleos, parroquias ou municipios lucenses”.

“Estudaremos todas as nosas necesidades veciñais ás que ten que dar resposta a Xunta de Galicia por lei, porque é a administración galega coas competencias. Como partido dos veciños, defenderemos cada unha dela mediante a elaboración de emendas ao Orzamento autonómico para 2019 e empregando todas as posibilidades institucionais coas que contamos”, salientou.

7 Encontros Comarcais Participativos
Son 7 Encontros Comarcais Participativos, aos que están convocados os máis de 2.000 militantes do Partido Socialista na Provincia de Lugo. Na Comarca de Lugo, terá lugar capital lucense o 8 de novembro; na Comarca da Terra Chá, en Vilalba o 8 de novembro; Comarca da Montaña, na Fonsagrada o 9 de novembro; na Comarca da Mariña, en Foz o 10 de novembro; Comarca de Lemos, en Monforte o 10 de novembro; na Comarca do Suroeste, en Chantada o 9 de novembro; e na Comarca de Sarria, na localidade sarriana o 12 de novembro.

Exit mobile version