Site icon Crónica3.com A Mariña

PATRIA, MINERVA E MARÍA TERESA

O 25 de novembro do ano 1960 un infame ditador, Rafael Leónidas Trujillo ordenou matar a estas tres irmáns, as irmáns Mirabal. Loitadora activas contra a a represión do réxime fascista do tamén auto proclamado xeneralísimo da República Dominicana, coincidencia.

Loitaron as “Mariposas” pola liberdade dos seus, sufriron torturas, violación e unha crúa represión máis forte polo feito de ser mulleres. A súa morte a golpes serviu para que o pobo dominicano tomara conciencia do que era o fascismo e supuxo o inicio do fin do réxime de Trujillo. Dende o ano 1981 este día é o elixido como o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller.

O mundo está en débeda coas “Mariposas” dominicanas, unha débeda que consiste en loitar para que o que lles sucedeu non volva a suceder, unha débeda que non somos quen de pagar, cada día asistimos a novas relacionadas coa violencia de xénero, estamos defraudando a memoria da Mirabal, unha vergoña. E de moitas outras mulleres que loitaron en moitas partes do mundo pola xustiza polo equidade e pola dignidade das persoas, sen diferenciación de sexo. Como as nosas compatriotas Lola, Amparo e Xulia que loitaron dende Ribadavia contra o holocausto nazi.

Preocupa tamén acontecementos como o abuso e trato ás activistas de FEMEN recente en Madrid, están as medidas legais tomadas? Mirar cara outro lado produce Trujillos e acontecementos irreparables para a humanidade. Este 25 de novembro todas as formacións políticas farán actos, sacaran fotos e manifestos. Poucas lembrarán o fondo social dos acontecementos da República Dominicana do 1960 e seguro pasarán de puntillas polo feito de que en Europa e tamén en España os amigos de Trujillo están a coller pulo. A radicalización de posicións políticas do PP de Casado do partido laranxa e dos que pasean en cabalo pola chaira andaluza non permite baixar a garda en esta materia. Cómpre que este 25 de novembro teña máis alcance, teña máis forza e teña moita máis memoria histórica, para lembrar que tamén no fondo a loita das mulleres é unha loita contra o fascismo e contra a supremacía.

Por todas elas, as coñecidas e as anónimas toca activar todos os medios contra a violencia que se fai ás mulleres, con forza e firmeza, para ter unha sociedade xusta e equitativa é preciso comezar por este eido.

Piñeiro Docampo
Sº Xeral de CxG.

Exit mobile version