Site icon Crónica3.com A Mariña

Ramiro Fernández Rey asegura que o Concello actuou con contundencia, responsabilidade e seriedade no Colexio Virxe do Carme. E insiste en que o investimento realizado nos traballos de urxencia acometidos ascenderon a máis de 20.000 euros

Burela, 21 de novembro de 2018. O concelleiro de Obras e primeiro tenente alcalde de Burela, Ramiro Fernández, saíu hoxe ao paso das declaracións feitas nos medios de comunicación polo portavoz do PP de Burela, José Mª González Barcia. O edil ratificou o dito hai días sobre a inversión feita por parte do Concello durante este verán no colexio público dos Castros para tentar solucionar aquelas obras que se consideraron urxentes por parte da dirección do propio colexio en coordinación co Concello. Fernández Rey insiste en que eses traballos superaron os 20.000 euros de inversión municipal, tal e como se dixo no seu día e tal e como figuran nas partidas de gastos dos orzamento municipais.
O concelleiro de Obras subliñou hoxe que “a inversión só en material e obras subcontratadas a outras empresas supera os 10.000 euros, que consistiron en cambio de portas que se atopaban en estado totalmente lamentable debido á humidade e á carcoma existente; impermeabilización de terrazas que metían auga nas aulas; cambio de ventás por outras novas de aluminio debido ás filtracións que permitían os anteriores marcos de madeira, que son os que se puxeron cando se abriu o colexio; substitución de instalación eléctrica no ximnasio polo risco que supoñían a luminarias existentes, xa que estaban a piques de caer antes desa reparación; actuacións para a eliminación dos canalóns interiores existentes, que facían que chovera dentro das clases o atoparse rotos; cambio de persianas, que estaban rotas despois de 50 anos de uso, por estores; ademais das labores de mantemento propios do Concello e que asumimos, como non pode ser de outro xeito”.
Ramiro Fernández dixo que “a todo o anteriormente exposto temos que sumar a man de obra. Xa sabemos que para o señor González Barcia e para o Partido Popular de Burela o traballo que fan os traballadores do Concello non ten ningún tipo de valor, pero este equipo de goberno si que valora moito as tarefas que fixeron os traballadores do departamento de Obras do Concello, xa que de non ser por estas actuacións igual estariamos a falar de cousas moito máis graves e incluso poñendo en perigo o inicio do curso escolar, e como tal o valoramos e o agradecemos”.
O edil burelés manifestou que “calquera pai ou nai lles pode dicir, xa que non o saben, o tempo que o departamento de Obras estivo traballando nos últimos meses no colexio Virxe do Carme porque os viron alí traballando. No PP non o saben porque non se molestaron nin en aparecer por alí. Estivemos sempre a disposición da dirección do colexio para acometer aquelas obras máis urxentes para intentar que o curso comezara da mellor maneira posible, tendo en conta que o centro precisa dunha rehabilitación integral como finalmente se recoñeceu, que é o que reclama tanto a ANPA como a dirección, e que se sabía por parte de todo o mundo que sería o único xeito de comezar o curso con certa normalidade”.
Ramiro Fernández Rey subliñou que “dende o 1 de agosto ata o 9 de novembro os traballadores do Concello de Burela sumaron máis de 900 horas de traballo no centro, as que evidentemente lles houbo que pagar por facer esas obras que non nos pertencía facer, pero que priorizamos sendo conscientes da situación, deixando de facer outras actuacións no pobo que tamén eran necesarias. O que demostra a implicación do Concello neste tema sempre foi prioritaria. Ademais destas actuacións tamén se tiveron outras que se poden considerar de mantemento propio do Concello, que como se dixo anteriormente xa non contabilizamos ao entender que son obriga do Concello facelas, pero que suman outra importante cantidade de cartos e recursos municipais”.
O concelleiro de Obras engadiu que “choca enormemente este interese que a touro pasado mostra o Partido Popular de Burela neste tema, xa que non o tiveron para visitar o colexio e ver o que realmente estaba pasando, e de acercarse a ver os problemas que tanto a ANPA, a dirección e os pais e nais que temos aos nosos nenos e nenas estudando nese colexio. Tendo en conta esta circunstancia non entendemos como o Partido Popular de Burela se atreve a opinar dun problema do que se enterou pola prensa ou por faladurías, xa que como dixen anteriormente non foron capaces de achegarse ao colexio para comprobar os problemas existentes no centro, problemas que sorprenderon incluso ao Delegado da Xunta cando visitou o colexio e viu os graves problemas que tiña na súa estrutura e no seu equipamento”.
Para Fernández Rey “o importante agora é que a inversión prometida se leve a cabo, porque os alumnos e alumnas do colexio dos Castros o merecen. Estaremos atentos e vixiantes de que iso se leve a cabo e tamén estaremos atendendo todas as solicitudes que se fagan dende a dirección do centro para que, dentro das nosas posibilidades, os alumnos e alumnas dese colexio público poidan desenrolar a súa formación pública nas mellores condicións. En definitiva nin mentirosos nin coxos, máis ben responsables e serios, xa que se actuou con celeridade e con contundencia pese aos problemas que nos poñían os técnicos municipais para gastar os cartos de todos e todas os veciños de Burela nunhas obras que nos advertiron por activa e por pasiva que non eran competencia municipal, tal e como indican claramente os informes feitos polos propios técnicos”.

Exit mobile version