Site icon Crónica3.com A Mariña

Tres meses despois de finalizada a tempada de verán, o material das praias de Barreiros abandonado á intemperie, denuncia o BNG

Barreiros, 20 de novembro de 2018. “O material utilizado durante a temporada estival en Barreiros foi retirado das praias ao final do verán e abandonado a carón das instalación municipais sen ningún tipo de protección”, aseguran desde o BNG.
A portavoz municipal do BNG en Barreiros, Ana Ermida, esíxelle ao goberno municipal que se preocupe “do día a día do Concello e que xa que non fan ningún investimento decente, polo menos, que coide o material municipal e deixe de causar máis deterioro económico nas arcas públicas.”
Ana Ermida asegura que tres meses despois de finalizada a tempada estival, o material utilizado nas praias está tirado a carón das instalacións municipais, sen ningún tipo de protección e medrándolles as herbas por riba.
“Sillas de socorrismo, lonas das casetas de salvamento, contenedores de recollida do lixo nas praias e mesmo as sinais están tiradas no chan, sen protección de ningún tipo e soportando as consecuencias de levar meses á intemperie, cando parte do material é de madeira, plástico ou lona e, polo tanto, vai sufrir o deterioro producido por estar abandonados durante meses”, afirman desde o BNG.
“Isto é unha mostra máis da despreocupación, o abandono e despilfarro dos cartos municipais, xa que se deixa podrecer o material que ten que volver usarse o verán que vén e se non está en condicións haberá que compralo novo, con un importante custo económico, xa que se trata de material de miles de euros”, asegura a portavoz municipal.
A formación nacionalista lamenta que Barreiros estea sufrindo “o peor goberno da súa historia, con un alcalde e un equipo de goberno que non se preocupan dos problemas municipais e que só atenden aos seus propios intereses, caendo incluso no abandono máis evidente dos recursos municipais”, conclúen.

Exit mobile version