Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina máis de 119.000 euros a mellorar escolas infantís municipais en seis concellos lugueses

Lugo, 2 de novembro de 2018.- A Xunta de Galicia destina 119.100 euros a financiar melloras en escolas infantís municipais e Puntos de Atención á Infancia (PAI) de seis concellos da provincia de Lugo: Trabada, Antas de Ulla, Vilalba, Lugo, Castro de Rei e A Pastoriza.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que estes apoios se enmarcan na liña de axudas a concellos para realizar actuacións en centros de atención á infancia de 0 a 3 anos. As achegas contan con financiamento por parte do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020 e van dirixidas a sufragar obras de adecuación e mellora de infraestruturas, da accesibilidade, a adquirir novo equipamento -incluído mobiliario interior e exterior e material didáctico e de xogo- e a integrar as novas tecnoloxías nas aulas, mediante a dotación de conexión a internet e de dispositivos tales como ordenadores ou encerados dixitais.

Balseiro salientou que estes investimentos son “unha mostra máis do compromiso da Xunta coa calidade da atención educativa na que é a primeira etapa da aprendizaxe dos nenos e nenas, que supón un piar fundamental no seu desenvolvemento e que precisa duns espazos axeitados ás necesidades, intereses e competencias dos pequenos destas idades”.

O delegado territorial de Lugo incidiu en que a atención á infancia e o apoio ás familias son unha prioridade para a Administración autonómica e apuntou que esta liña de axudas da Consellería de Política Social pon de manifesto “a vontade do Goberno galego de que as familias dispoñan dos mellores recursos de conciliación para os seus fillos e fillas”.

Ademais das liñas de axudas para investimentos, outras medidas que forman parte do programa de apoio á natalidade (PAN Galicia) son os bonos Coidado e Concilia, as Casas Niño ou a posta en marcha de novas escolas infantís en contornos laborais.

Exit mobile version