Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade de Municipios da Mariña abordará no pleno que se celebrará este luns, día 17, no Vicedo a proposta de orzamento para 2019 e os proxectos a desenvolver no vindeiro ano

A Mariña, 15 de decembro de 2018. A Mancomunidade de Municipios da Mariña celebrará pleno o vindeiro luns, 17 de decembro. Terá lugar na Casa da Cultura do Vicedo a partires das 20:00 horas. Entre os temas a tratar figuran: o plan integrado de emprego, a presenza da Mancomunidade en Fitur e a proposta de orzamento para 2019. O presidente Alfredo Llano cualifica 2018 como un ano “moi activo” no que se levaron adiante diversas iniciativas como os programas de formación para profesionais de hostalería ou o Mes da Maxia celebrado neste último trimestre.
Llano contou que “no pleno deste luns imos facer un resumo do que se está a facer neste ultimo trimestre. Ademais imos falar tanto do plan integrado de emprego como da presenza da Mancomunidade en Fitur. Tamén imos tratar como están agora mesmo os proxectos dos contedores, a recollida de aceites e roupa usada. Imos facer un balance do gasto que se fixo este ano e tamén presentaremos unha proposta do orzamento para o ano que ven”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña relatou que “tamén haberá un informe de presidencia nos aspectos que consideremos que pode ser oportuno falar, e faremos todo aquilo que corresponda a ver un pouco os novos propósitos para o ano 2019 con respecto a todos os temas que pode tocar a Mancomunidade”.
Para Alfredo Llano “este foi un ano activo para a Mancomunidade. Tivo varios frontes e no último trimestre fíxose o Mes de Maxia e a formación para establecementos de hostalería, que deu moi bo resultado. Estamos pensando xa noutros proxectos encamiñados a facer o ano que ven para impulsar a cohesión entre os 16 Concellos da Mariña. Gústanos traballar a todos a un mesmo ritmo e pensando sempre na comarca como algo fundamental para os 16 Concellos, na comarca como un destino e unha unidade para un desenvolvemento común”.

Exit mobile version