Site icon Crónica3.com A Mariña

A Piscina Olímpica Municipal de Cervo incrementou o número de persoas usuarias nun 20% este curso

Cervo, 3 de decembro de 2018.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, José Ramón Soto, achegáronse esta mañá ata a piscina olímpica municipal onde, ademais de percorrer e supervisar o funcionamento das instalacións, compartiron un anaco cos monitores e monitoras e coas persoas usuarias do curso de Aquagym que se estaba impartindo nese intre.
O rexedor e o edil destacaron o incremento notable do 20% da matrícula neste curso no que están anotadas máis de 220 persoas que participan nas diferentes clases que se ofrecen por grupos de idade (adultos, nenos e bebés). A maiores todos os venres acoden á piscina uns 60 nenos e nenas das ANPAS dos dous colexios do municipio, que teñen a inscrición de balde “a filosofía do Concello de Cervo é promover a práctica deportiva no seu conxunto desde as idades máis temperás; e con ese obxectivo ofrecemos de balde ás ANPAS do noso municipio os diferentes cursos de natación para os pequenos e pequenas”, tal e como precisou Villares.
Villares e Soto destacaron o investimento que se fixo neste último ano nas instalacións cunha inversión de 65.000 euros, procedentes de fondos municipais, dirixida fundamentalmente a mellorar o sistema de climatización, “co que conseguimos que a piscina teña a día de hoxe as mellores condicións de temperatura e humidade da súa historia”; baixando a humidade relativa do 80 ao 60%, e logrando que a temperatura ambiente sempre estea agora por enriba da temperatura da auga.
Villares e Soto tamén anunciaron no día de hoxe que “a comezos de ano se vai levar adiante unha reforma integral das instalacións do ximnasio municipal actuando na cuberta, na estrutura e no piso, que suporá uns 30.000 euros, procedentes das arcas municipais”.

Exit mobile version