Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta acomete a limpeza da rede de sumidoiros pluviais en Viveiro para completar as obras de limpeza das estradas que se viron afectadas polos asolagamentos

Viveiro, 10 de decembro de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciará mañá as operacións de limpeza da rede de sumidoiros pluviais en Viveiro para completar os traballos iniciados nas estradas que se viron afectadas polos asolagamentos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro explicou que con este fin contratouse un camión, especialmente adaptado para este tipo de operacións, que dispón dunha bomba impulsora de auga a presión, e dunha cuba de ata 12.000 litros de capacidade, con dous compartimentos distintos: un para auga limpa e outro para lodos.

Os traballos desenvolveranse previsiblemente durante as próximas dúas semanas, comezando polas estradas de titularidade autonómica, en concreto, polas travesías da LU-540 e LU-862, e as súas zonas de afección. Tamén desenvolveranse, en colaboración co Concello, noutras vías municipais anexas que precisan destes traballos.

A previsión inclúe actuar nas dúas travesías urbanas, na LU-540 Viveiro-Cabreiros entre os puntos quilométricos 0+000 a 4+000 e na LU-862 Ferrol-San Cibrao entre os puntos quilométricos 83+000 a 87+000, e nas súas zonas de afección.

O obxectivo é a limpeza total das canalizacións de pluviais, incluída a aspiración e arrastre de todo tipo de líquidos, incluído espesos lodos e barros, de tal xeito que se evitará calquera tipo de atasco nas tubaxes.

“Queremos asegurar que os elementos do sistema de sumidoiros se atopan ao máximo da súa capacidade hidráulica para evacuar sen problemas a auga de chuvia. Evitar calquera incidencia actual ou futura nas estradas”-apuntou Balseiro.

Operarios da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e da empresa encargada do contrato de vialidade actuaron desde o primeiro momento na zona, tras as riadas. Ocupándose, nun inicio da limpeza das calzadas para recuperar a normalidade na circulación e agora, destas tarefas adicionais que veñen a completar os traballos executados.

Exit mobile version