Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa Ribadeo e Mariña Asesores asinaron un convenio de colaboración que lles permitirá aos asociados e asociadas do colectivo empresarial contar con asesoramento de balde en cuestións xurídicas ou administrativas e tamén en redes sociais empresariais

Ribadeo, 17 de decembro de 2018. Acisa Ribadeo e Mariña Asesores asinaron nas últimas horas un convenio de colaboración que lles permitirá aos asociados e asociadas do colectivo empresarial contar con asesoramento de balde en cuestións xurídicas ou administrativas e tamén en redes sociais empresariais. Ademais os profesionais desta firma impartirán sesións formativas gratuítas sobre temas de interese para a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo.

Desde Mariña Asesores explican que “o convenio consiste en ofrecer un asesoramento de balde para responder dúbidas aos asociados en cuestións xurídicas, administrativas, legais, subvencións, fiscalidade e contabilidade. E tamén sobre redes sociais empresariais”.

E engaden que “imos realizar varias sesións formativas gratuítas para os socios no formato de charla-coloquio. Xa están pechadas dúas atendendo a intereses dos empresarios locais: protección de datos e redes sociais para empresas”.

Desde A Mariña Asesores Sergio e Beatriz Irigoyen amósanse “moi ilusionados de colaborar coa asociación de empresarios de referencia en Ribadeo” e insisten en que “só co traballo entre todos os pequenos negocios e empresas da contorna poderase seguir construíndo unha localidade con futuro”.

Desde Acisa o seu presidente, Francisco Iriarte, subliña que “este é un novo convenio, que se suma aos xa asinados no seu día con entidades bancarias, empresas de telefonía, de mensaxería, de electricidade, etc… que o que perseguen é aumentar a carteira dos servizos que desde Acisa se prestan ás nosas asociadas e asociados conseguindo vantaxes importantes para todos eles”.

Exit mobile version