No Hospital da Mariña foi suprimida a DUE de ostomías, “unha figura que era xa claramente insuficiente, xa que estaba desbordada ao adicarse a outras tarefas compartidas”, explican.
“Actualmente os pacientes ostomizados reciben Información e educación só durante o ingreso na planta, e non contan con seguimento nin persoa de referencia en caso de aparecer dúbidas ou complicacións (non infrecuentes)”, sinalan.
DERIVADOS AO HULA.
A central nacionalista denuncia que están a ser derivadas á consulta específica de ostomías do HULA que conta con dúas enfermeiras con xornada exclusiva de consulta de ostomías.
“Unha vez máis as políticas de recortes de Feijóo e o Partido Popular castigan aos mariñaos e ás mariñás que se ven obrigados a desprazarse a máis de 100 km para recibir atención sanitaria”, denuncian.
CONSULTA DE ESTOMAS NO HOSPITAL DA MARIÑA.
Dende CIG Saúde A Mariña exixen que se cree unha consulta de enfermaría dedicada exclusivamente á atención de pacientes ostomizados.
Hai que ter en conta que unha ostomía require un coidado especial que en principio realízase polos profesionais sanitarios, pero logo formará parte do autocuidado do paciente e o seu familiar. Por esta razón paralelamente ao proceso de atención sanitaria hai un proceso de educación para a saúde, no que o paciente recibe unha formación individualizada e axustada ás súas necesidades.