Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG Saúde exíxelle á xerencia do Hospital da Mariña combinar a ampliación con garantir a asistencia sanitaria na comarca

Burela a 11 de decembro de 2018. A CIG Saúde denuncia que a mala planificación das obras de ampliación do Hospital da Mariña está a provocar o traslado de doentes da comarca na cidade de Lugo. A central nacionalista responsabiliza desta situación á Xerente do Hospital, María José Cortés, pois sabendo que a organización das obras vai provocar continuos ingresos de pacientes en Lugo pon en marcha un protocolo de derivación polo peche de 60 camas nas plantas actuais de hospitalización de Traumatoloxía e Cirurxía.

“Entendemos que non se deberan pechar as dúas plantas de xeito simultáneo e que as obras de reforma teñen que acometerse en dúas fases: primeiro unha planta de hospitalización e unha vez rematada e operativa, na outra planta restante. Deste xeito manteríamos sempre 30 camas a maiores operativas e evitaríamos calquera tipo de traslados relacionados coas obras”, subliñan.

60 camas pechadas

CIG Saúde lembra que o Hospital da Mariña conta a día de hoxe con menos camas de hospitalización, o que está a provocar o ingreso de adultos en pediatría e o ingreso de pacientes doutras especialidades na planta de obstetricia. Porén, isto non implicou que se reforzara o persoal destas unidades.

Nun hospital que viña mantendo xa unha ocupación do 100% e con ingresos de adultos na pediatría por déficit de camas, critican que a planificación por mor das obras se deséñase co peche simultáneo de 60 camas (30 en Cirurxía e 30 en Traumatoloxía), xustamente no momento do ano de maior saturación de ocupación a causa das patoloxías propias desta época.
 
Consecuencias para a veciñanza
 
Dende CIG Saúde A Mariña alertan a toda a poboación da comarca de que esta situación se manterá cando menos até o verán de 2019. Até o momento, a central confirmou que, polo menos, tres persoas foron derivadas e ingresadas no HULA entre protestas de disconformidade. “Consideramos que facer unha planificación a sabendas de que vai provocar constantes ingresos da Mariña en Lugo durante un período tan prolongado no tempo non é de recibo e será a propia veciñanza a que sufra as consecuencias desta pésima planificación e costee do seu peto os gastos de verse obrigados a ingresar no HULA (viaxes, manutención, aloxamento, etc.)”, afirman.

Por iso, CIG Saúde reitera que o ideal sería acometer as obras en dúas fases e reclama da Xerencia do Hospital que adopte as medidas oportunas para garantir unha atención de calidade e minimizar os traslados a Lugo durante o tempo que duren os traballos de ampliación.

Exit mobile version