Site icon Crónica3.com A Mariña

Con Pólvora e Magnolias. “A imprescindible matriarca da paz”

Como ben saben o pasado día 6 de decembro foi festividade en todo o estado; o pasado xoves conmemorábase a celebración do referéndum do ano 1978 que daría entrada á Constitución.
Este aniversario tiña a particularidade tamén de ser o cuadraxésimo da Carta Magna; máis aló da necesaria discusión a propósito de redefinir as normas de convivencia que rexen a nosa sociedade, está a vontade de recoñecer o papel do proceso constituinte que tivo lugar.
Aínda que as homenaxes adoitan esquecer aos seus verdadeiros protagonistas, resulta de esencial importancia a necesidade de fixar referentes, de ter alguén en quen poder mirarnos para non facer experimentos con gaseosa, para non repetir de xeito constante os erros do pasado.
Tamén é notorio que estamos a vivir tempos revoltos: inmersos dende hai case dez anos nunha nova crise económica do sistema capitalista, cun empobrecemento xeralizado do conxunto da sociedade e cunha merma notoria das nosas liberdades.
Neste preciso contexto avivan vellas pantasmas que alentan o racismo e o odio deica o pobre, neste mesmo contexto estamos conminados á búsqueda inmediata de novos referentes. Eu suxiro un.
Poida que sexa pura casualidade ou un guiño do destino, iso dependerá da susceptibilidade do lector á superstición, pero o 40 aniversario da Constitución quixo coincidir co mesmo aniversario da chegada á comarca da Mariña de Antonina Semedo.
Foi un 23 de de xullo de 1978 cando Antonina, a matriarca da paz, arribou por primeira vez á localidade de Cangas de Foz; a súa recensión biográfica pódena atopar na rede, pero, dentro da súa actividade como activista social, mediadora intercultural, intérprete musical e muller emprendedora, o principal mérito de Antonina está en ser paradigma da integración, estandarte da concordia.
Ben saben todos vostedes que a comarca da Mariña é un tanto singular en termos de inmigración, que na localidade de Burela hai unha comunidade cabo verdiana que convive desde hai catro décadas, que dito concello ten unha taxa de crecemento demográfico positivo. Por suposto saben que a única posibilidade de manter o estado de benestar pasa polo aumento da natalidade e pola integración laboral dos inmigrantes.
No ano 2018 unha comisión de veciños postulou a Antonina Semedo como candidata á medalla Castelao outorgada pola Xunta de Galicia; non recibiu o galardón pero xa tiña o recoñecemento como referente moral de toda unha comunidade.
Neste ano que entra é máis necesario que en calquera outro a condecoración da matriarca da paz, porque o exemplo de Antonina debe ser un espello para a sociedade civil galega, para as súas propias institucións e para o conxunto do estado, a mellor vacina contra un pasado escuro ao que nunca debemos volver.

Exit mobile version