No minuto 4, as laranxas avisaron por primeira vez e con moito perigo, cun saque de banda de Cilene, que rematou en volea Peque e despois Dany. A 3 burelista dispuxo doutra de ouro poucos segundos despois, de disparo raso cruzado, que se estrelou contra o pau. Nas proximidades do ecuador, Ana Romero estivo moi atenta ante a primeira con gran perigo das ourensás, con Candela, ante un balón que esperaba Lau Doce, fronte á liña de meta. Volveu á carga o Pescados Rubén; probou Jenny, salvando Vane, pero Peque estaba moi atenta na recuperación, serviulla a Luci e a ex-burelista Judith evitou que as da Mariña se adiantasen. A falta de 3’45” para o descanso, Dany, por fin, outorgoulles o merecido gol ás burelistas, finalizando unha recuperación de Peque.
Tras o descanso, ambas as metas estiveron máis que correctas baixo paus. Vane evitou co pé o segundo das mariñás, de Cilene, no minuto 23. Tan só dous minutos despois, Ana estivo moi atenta, cunha parada en dous tempos, nunha contra local, para manter a vantaxe visitante. Tocoulle a quenda a Vane, segundos despois, respondendo ben, ante un disparo escorado de Peque. Ana Romero mantivo de novo a renda no 28, cun balón parado de Sara Moreno. E no 29, a ex das laranxas Judith protagonizou o maior perigo das ourensás; a punto estivo de poñer táboas ante un saque da meta burelista que deu nas costas da 11 local. Vane volveu deter as intencións das de Julio Delgado, con Peque, roldando a medianía do segundo acto, e cunha boa saída fronte a Dany, no 32; e adiantouse de novo, ante Jenny, no 34.
Con case tres minutos para o final, Ourense saíu con xogo de cinco sen apenas perigo. Cilene dispuxo dun par de ocasións a porta baleira, demasiado imprecisas. Nos últimos segundos, Ana Romero conseguiu frear a única incisica das ourensás con porteira xogadora e servirlle a Dany, sobre a bucina, o definitivo 0-2, con tentativa errada de Lau Doce para evitala.
Ficha técnica
Ourense Envialia FSF: Vane, Chiky, Lau Doce, Marta, Sara Morenocinco inicial; tamén xogaron Judith, Candela, Bea Seijas, Idoya, María
Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Cristina, Cilene, Peque, cinco inicial; tamén xogaron Jenny, Luci Lara Balseiro, Alves, Cami
Goles: 0-1, minuto 17, Dany; 0-2, minuto 40, Dany
Árbitros: Martínez Torres // Ferrero Carballal (Pontevedra). Por Ourense amarela a Marta (minuto 22), María de Val (minuto 22), Sara Moreno (minuto 37)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 12 de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo disputado no pavillón Paco Paz; o encontro, previsto para as 17.00 horas, tivo que pospoñerse para as 20.00 horas con cambio de instalacións debido a un goteira nos Remedios, pista habitual de xogo.