Site icon Crónica3.com A Mariña

Está aberto o prazo de solicitude das subvencións municipais por concorrencia competitiva para actividades culturais realizadas en 2018 en Ribadeo

Ribadeo, 11 de decembro de 2018. Está aberto o prazo de solicitude das subvencións municipais por concorrencia competitiva para actividades culturais realizadas durante o presente ano 2018, segundo informa a Concellaría de Cultura.
As bases da concesión destas axudas, que xa están publicadas na web do Concello, recollen que “poderán solicitar estas subvencións as entidades e asociacións sen finalidade de lucro, domiciliadas en Ribadeo e legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións. Tamén poderán acollerse a estas axudas as persoas físicas ou colectivos para iniciativas temporais de interese cidadán, sen ánimo de lucro, sempre que, en ambos casos, non teñan recoñecida subvención nominativa nos orzamentos municipais. Excepcionalmente, cando a actividade teña interese para o municipio, poderase conceder unha subvención a entidades foráneas, ou non inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións”.
As solicitudes de subvención deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Ribadeo, e o prazo de presentación será de 30 días naturais a partir do seguinte da publicación das bases no BOP de Lugo, onde apareceron o pasado 2 de decembro. E o 15 de febreiro será cando rematará o prazo para a súa xustificación.
As subvencións obxecto desta convocatoria efectuaranse con cargo á partida Promoción da cultura. Transferencias correntes, por un importe máximo de 12.000 euros, e estarán destinadas aos gastos directamente vinculados á actividade realizada, e non aos gastos de mantemento ordinario.

Exit mobile version