Site icon Crónica3.com A Mariña

Fernando Suárez agarda que o Ministerio de Fomento dea solución ás incidencias que presenta a estrada N-642, entre a vila e Porto. Este treito está considerado un dos máis perigosos do estado, segundo un informe do RACC

Ribadeo, 17 de decembro de 2018. O alcalde, Fernando Suárez, referiuse hoxe a un informe da Fundación do Real Automóvil Club de Cataluña, que recolle que a estrada máis perigosa de España está en Ribadeo. Trátase do treito da N-642 que discorre entre a vila e Porto. O rexedor referiuse a súa sinuosidade, ao seu deterioro e ao perigo que lle supón circular por esa vía aos vehículos de dúas rodas, xa que as beiravías están cheas de grixo. Suárez Barcia agarda que desde o Ministerio de Fomento presten atención a estas incidencias.
O alcalde contou que “acabo de ler que o Real Automóvil Club de Cataluña considera que unha das estradas máis perigosas de todo o Estado é o treito da N-642 que vai entre a vila de Ribadeo e Porto. Temos 8 quilómetros, e di que é unha das máis perigosas, por non dicir a máis perigosa, do Estado”.
Fernando Suárez dixo: “a verdade é que ser acredores de tan distintivo galardón non é boa cousa, e en todo caso porque teñen razón en parte. Se ben é certo que é unha vía moi sinuosa, con moitas curvas, tamén é certo que leva moitos anos absolutamente deteriorada. Nos últimos meses foi obxecto dun rebacheo con aglomerado parcial, para nada supuxo un reacondicionamento de todo o seu firme, senón de partes.”
O rexedor considera que “esta estrada ten unha carencia que a fai moi perigosa, sobre todo para os ciclistas ou para aquelas persoas que circulan en vehículos con dúas rodas, xa que as beiravías, os chamados tamén arcéns, están sempre cheos de grixo, sempre cheos de grava, que dificultan o paso e que supoñen un perigo sobre todo para os ciclistas ou para xente que conduce vehículos de dúas rodas, e que polo tanto se faría necesario que por parte das autoridades do Ministerio de Fomento prestasen atención a estas incidencias, para poder sacarnos a Ribadeo deste listaxe de vías perigosa do Real Automóvil Club de Cataluña”.

Exit mobile version