Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural destina preto de 100.000 euros á recuperación de dúas escolas unitarias no Vicedo para dedicalas a usos sociais

O Vicedo, 3 de decembro de 2018.- A Consellería do Medio Rural promove a recuperación das escolas unitarias de Cabanas e Riobarba, no municipio do Vicedo, para convertelas en senllos centros sociais que estarán abertos ás asociacións, colectivos e veciños da zona. Realiza un investimento de preto de 100.000 euros nas obras, asumindo o 90% do custo da intervención a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as instalacións de Cabanas, e destacou o importante papel que xogan os GDR no eido da dinamización social, apoiando proxectos non produtivos que “incrementan a dotacións para os veciños e veciñas do rural”. Durante a visita, o delegado estivo acompañado do alcalde do municipio, Jesús Novo, entre outros.

Dáse a circunstancia de que na escola de Cabanas tamén se rehabilitou recentemente a antiga casa do mestre, situada na primeira planta, grazas a unha achega de 36.000 euros do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que depende da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Será destinada a vivenda de promoción pública.

Balseiro subliñou que, deste xeito, “recupérase un patrimonio colectivo que forma parte da memoria das xentes desta parroquia, e que se pon de novo á súa disposición para novos usos”.

Centros comunitarios
Os proxectos de creación dos centros comunitarios en Cabanas e Riobarba están promovidos polo concello do Vicedo e contan cun orzamento próximo aos 55.000 euros cada un, dos que a Xunta achega case 49.000 en cada caso.

A escola de Cabanas foi construída no ano 1959 e atopábase moi deteriorada, polo que necesitaba unha actuación urxente que garantira mesmo a súa conservación. Tamén a escola de Riobarba precisaba importantes reformas para poder ser utilizada.

Na súa nova andaina, está previsto que poidan acoller reunións veciñais, charlas, coloquios, iniciativas culturais, actividades formativas presenciais, exposicións, celebración de festas e eventos e outros usos que sexan solicitados polos veciños.

Serán de acceso gratuíto, a excepción de que a propia actividade demande algún tipo de cota ou matrícula, e restrinxido só cando se trate de actos que requiran inscrición previa ou límite de aforo. Así mesmo, poderán servir como colexios electorais.

Exit mobile version