Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde, Fernando Suárez, condenou a agresión que sufriu un camareiro na ribadense rúa San Roque. O rexedor confía en que as forzas de seguridade dean co autor dos feitos

Ribadeo, 11 de decembro de 2018. O alcalde, Fernando Suárez, condenou a agresión que sufriu un camareiro esta mañá na ribadense rúa San Roque. O rexedor confía en que as forzas de seguridade dean co autor dos feitos.
Suárez Barcia referiuse “a este atraco que tivo lugar esta mañá, con arma branca ademais, no que un ladrón, un tolo, un descerebrado, unha mala persoa en definitiva, emprendeuna cun rapaz, de aquí, de Ribadeo, cun traballador que cando ía entrar no seu lugar de traballo, nun bar, que estaba aínda pechado, arremeteu contra el, deulle un golpe e chantoulle un obxecto punzante nunha perna, o cal lle provocou unha serie de puntos de sutura”. O alcalde subliñou que “afortunadamente a persoa está ben e nestes momentos entendo que estará indo xa para a súa casa para manter un certo repouso”.
O rexedor engadiu: “pero desde o Concello de Ribadeo o primeiro que queremos facer é condenar estes feitos, desde logo. Eu sei que tanto a Policía Local como a Garda Civil estiveron e están pescudando para dar co paradoiro desta mala persoa que cometeu ese acto salvaxe. Confío e desexo que, coma sempre, os malos acaban caendo e espero que dentro de pouco se dea conta desa persoa que fixo esa burrada. E darlle ánimos desde aquí a este rapaz veciño de Ribadeo para que se recupere canto antes. Ten o noso apoio, tanto de todo o Concello, como institución, como de todo o concello de Ribadeo, como pobo”.

Exit mobile version