Burela, 28 de decembro de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, salienta a grande cantidade de actividades que se están a desenvolver no Nadal na vila, organizadas por Ledicia, pola Acia e polo Concello, co obxectivo “de que veña moita xente a Burela”. O rexedor referiuse á calidade de espectáculos como o ballet clásico ou os musicais dos que poden disfrutar os bureleses, e tamén moitas persoas chegadas doutros puntos da contorna. Llano subliñou que Burela está a soar moito fora da comarca da Mariña.
O alcalde comentou que “este Nadal estamos tratando de motivar que veña moita xente a Burela. Hai días que estamos organizando, a partes iguais, por parte de Acia, a asociación Ledicia máis o Concello. Temos un programa extraordinario e esta edición de Nadal está sendo moi visitada por moita xente. A representación do ballet El Cascanueces foi impresionante ver a xente que houbo no auditorio, cubríronse todas as prazas e gustou moitísimo o espectáculo. É para felicitar ao concelleiro de Cultura por estas actividades tan extraordinarias que fan que Burela soe en moitos sitios, non soamente na comarca senón tamén fora. Houbo moita xente que ambientou e gastou no noso pobo”.
Alfredo Llano engadiu que “agora mesmo da gusto contemplar O Baúl do Mago, que está na praza do Concello, onde están entrando moitos nenos e nenas para ver un espectáculo como é a maxia. Vai estar hoxe venres pola mañá e pola tarde. Despois temos a Gala Solidaria da asociación Eu Son. Mañá, sábado, hai outro espectáculo musical co grupo La Bicicleta”.
O rexedor pensa que “a actividade no concello de Burela está sendo acorde ás datas que son. Tratamos de buscar a maneira de motivar á xente a saír da casa. Vai ter moitos lugares a onde poder ir, está a carpa na praza da Mariña e tamén na praza do Concello con moitas actividades e xogos recreativos”.
Llano cre que “debemos esforzarnos para que o Nadal sexa unha motivación grande para crear bo ambiente, para afrontar o novo ano 2019. Aproveito para felicitar a todo o mundo, tanto de Burela como da comarca da Mariña, e que entre todos traballemos por un obxectivo común que non é outro que mellorar o aspecto social, económico, cultural e todo aquilo que sexa positivo para a comarca e para Burela”.
O alcalde burelés anima “á xente que nos queira visitar, ten moito que ver aquí en Burela. Temos tamén pendente a cabalgata de Reis que se vai facer o día 5, para rematar as Festas de Nadal deste ano. Vai estar na praza da Mariña, e tamén alí Ledicia vai facer un belén extraordinario, que se fai todos os anos, moi bonito e moi característico en Burela. Animar á xente tanto do pobo de Burela como aos que están fora, para que aproveiten a facer unha visita a este concello, que agora mesmo está facendo moita actividade e está sendo moi dinámico”.
