Site icon Crónica3.com A Mariña

O alumno do CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, que logrou unha medalla de ouro nos campionatos galegos de FP Galicia Skills prepárase para participar na proba a nivel estatal

Ribadeo, 4 de decembro de 2018. O alumno do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, que logrou unha medalla de ouro nos campionatos galegos de FP Galicia Skills prepárase para participar na proba a nivel estatal, aínda que de momento está sen confirmar se a haberá na súa especialidade. O director do centro, Isidro Berdeal, e o profesor do alumno galardoado, José Méndez de Andés, salientaron o traballo de Francisco Lombán.
Francisco Lombán, que é veciño de Santiago de Reinante (Barreiros), explicou: “nos campionatos Galicia Skills déronnos o debuxo e había que plasmalo no panel o máis igual posible con pintura á auga. Éramos catro participantes no de pintura. Eu estou estudando en Edificación e Obra Civil no segundo ano e agora fago as prácticas na empresa ribadense Dimas Serviprof. A pintura é o que máis me gusta e recibimos boa formación, de modo que para o día de mañá imos ben preparados”.
Pola súa banda o profesor José Méndez Andés comentou que “a maioría das especialidades van ir á Spain Skills, o campionato que se celebrará en Madrid en marzo, pero a nosa está en dúbidas. Non se sabe se a vai haber ou non, depende do resto de autonomías que fixeran este tipo de especialidade; si se xuntan varias entón haberala”.
O director do CIFP Porta da Auga, Isidro Berdeal, detallou que “a competición Galicia Skills celébrase cada dous anos e para participar no 2018 abriuse o prazo de inscrición entre marzo e abril, de cara ao 2019 sería cando participarían no Spain Skills e no caso de gañar participarían no World Skills, que sería o mundial, e despois Euro Skills, que é o europeo. Nesta Galicia Skills 2018 había 25 especialidades, pero nosoutros temos 5 familias profesionais no centro e só participou Fran na especialidade de Pintura e Decoración. O resultado foi moi bo. Xa en 2012 participara outro alumno, acadando moi bos resultados e clasificándonos para as probas Euro Skills, que se celebraron en Londres”.

Exit mobile version