Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela inaugura a iluminación de nadal este venres 7. O acto desenvolverase na praza do Concello

Burela, 5 de decembro de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, anunciou que a inauguración do alumeado de Nadal terá lugar este venres, día 7, ás 21:00 horas na praza do Concello. Esa xornada procederase ao acendido do árbore e da iluminación instalada nesa praza e na rúa Eijo Garay. No resto das rúas do pobo irase colocando e acendendo a partires da vindeira semana.
O rexedor explicou que “o próximo día 7 de decembro, este venres, imos proceder á inauguración da campaña do Nadal 2018/19 na que estamos involucrados tres partes, colaborando e participando entre todos para facer unhas datas moi entretidas e moi boas no noso concello. Inauguramos este día 7 e pechamos o 7 de xaneiro. Van ser unhas datas moi dinámicas, con moitas actividades para todo o mundo e esperamos que todos o pasen ben e se acheguen a Burela para disfrutar do noso comercio e de todo o que se ofrece neste concello”.
Llano relatou que “se vai inaugurar ás nove da noite e vai consistir no acendido da árbore de Nadal que sempre poñemos na praza do Concello. Este ano imos iluminar tamén a parte da rúa Eijo Garay, desde a ponte do tren ata o final, para que dea máis vistosidade a todo isto. Fortalecemos a inauguración coa iluminación en Eijo Garay, pero a partir do luns xa se irán acendendo noutras rúas e colocando máis adornos navideños por todo o pobo como todos os anos”.
O alcalde invita “a que veña toda a xente que poida o día 7 porque vai haber un concerto de panxoliñas, unha actuación de Joni Ramos, o acendido da árbore e do alumeado de Eijo Garay, ambientación navideña na praza do Concello cun show musical. Ademais agora mesmo hai dúas atraccións cun tren e un tiovivo, e máis cousas que se van colocar e que van ser sorpresa”.

Exit mobile version