Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz rematou as obras de mellora en dous viarios de Nois e Cangas. O investimento ascendeu a 20.000 euros de fondos municipais

Foz, 10 de decembro de 2018. O Concello de Foz ven de rematar as obras de mellora en dous viarios das parroquias de Nois e Cangas: no camiño de Pedrido e no que une as instalacións da ITV coa estrada das praias. Estes traballos supuxeron un investimento de 20.000 euros, procedentes de fondos propios.
O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñera, anuncia que “quedaron rematados e listos traballos de asfaltados tanto na parroquia de Nois como na de Cangas. Neste caso son dous compromisos adquiridos no seu momento entre o equipo de goberno e Foz Plataforma de Futuro, dentro daquel acordo de mínimos para aprobar os orzamentos; concretamente é o camiño de Pedrido, en Nois, e o que une a ITV coa estrada das praias, en Cangas. Os dous estaban en moi mal estado e quedan con aglomerado asfáltico. Son arredor de 20.000 euros de fondos integramente municipais, que ían a cargo a unha partida de investimento que se pactou no seu momento entre o grupo Foz Plataforma de Futuro e o equipo de goberno”.
O rexedor focense subliña que “é un compromiso cumprido que vén corroborar que os acordos ao final van a favor dos veciños; os acordos políticos sen complexos acaban redundando no benestar dos nosos veciños e, polo tanto, é un exemplo máis para todos os grupos para tratar de sacar adiante os orzamentos, posto que se non se fora así esta obra non podería ter sido levada a cabo. Estamos contentos por ter cumprido un compromiso máis adquirido con Foz Plataforma de Futuro e que redunde nos veciños tanto de Nois, neste caso do camiño de Pedrido, como nos de Nois e Cangas, que van usar moitísimo ese acceso desde a ITV ata a estrada das praias”.

Exit mobile version