Site icon Crónica3.com A Mariña

O espectáculo de Inclusiones18 foi un éxito

A Mariña 11-12-18. Logo das semanas de traballo nos obradoiros, o espectáculo final de Inclusiones18 no pasado 30 de novembro en Ribadeo foi un éxito absoluto. Participaron coas súas diferentes propostas artísticas 80 valentes que se subiron ao escenario para emocionar a un auditorio sen butacas baleiras. Foi unha tarde para ofrecer visibilidade a persoas creadoras que compartiron escena con outras, independentemente da súa capacidade física ou psíquica. Conseguiuse reflectir a capacidade expresiva e derrubar barreiras. Ao final do acto, todas as persoas participantes e da organización bailaron xuntas sobre o escenario.
O labor de aprendizaxe foi tamén da man das familias e tribos: como o día a día é xerador de camiños comúns para diluírse na vida na escena e viceversa. Todos puidemos comprobar a comunicación profunda que a diversidade funcional xera na comunidade que habita. A experiencia do proceso artístico por un obxectivo común serviu para unir o leste de Galiza e o oeste de Asturias coa participación especial de dúas propostas procedentes de Baamonde (Lugo) e Mos (Pontevedra). Logrouse compenetrar a inclusión social, a expresión diversa e a emoción persoal.
Todos estes aspectos converteron non só ao espectáculo final, senón a toda a experiencia, nun éxito. Non se tería logrado sen a ilusión e o apoio de todas as familias participantes e persoas que compartiron as novidades ou o cartaz do evento mediante as redes sociais. Moitas grazas por vos involucrar nunha proposta artística que promove a inclusión mediante a integración do xogo e a creación de todos nun
entorno rural!

Exit mobile version