Daniel Vega salientou a forte aposta que o Goberno galego está a facer por unha formación náutico pesqueira de calidade, que se traduce “en máis de nove millóns de euros asignados”. Nos dous últimos anos, as contías destinadas a este fin medraron preto dun 8%, un 32% desde o 2015.
Acusou á oposición de mentir, xa que se ofrece formación na área da Mariña e destacou que, no último ano, téñense realizado máis de nove cursos; e que, antes de finalizar este 2018, realizaranse outros tres.
Dixo, ademais, que na actualidade existen en Galicia catro centros que imparten formación en materia marítimo-pesqueira; ademais do Instituto Galego de Formación en Acuicultura –dependente da Consellería do Mar- onde tamén se ofertan ciclos. Lembrou, tamén, que A Mariña lucense conta con dúas aulas de formación pesqueira, unha situada en Burela e outra en Celeiro. Neste senso, indicou que a oferta formativa cobre a demanda actual.
ESCOLA NÁUTICA PESQUEIRA NA MARIÑA
Por outra banda, amosouse sorprendido porque o Grupo Socialista propoña agora unha escola náutica-pesqueira na Mariña, un proxecto formulado polo PPdeG que foi paralizado durante o Goberno bipartito. Para Daniel Vega, “isto pon de manifesto a súa mala conciencia”.
Tal e como dixo, o Goberno galego conformado por socialistas e nacionalistas “non só paralizou este proxecto, senón que ademais puxo en dúbida a necesidade real de contar con estas instalacións”. “É máis, tanto no 2007 coma no 2008, votaron en contra da inclusión desta proposta, primeiro no Debate sobre o Estado de Autonomía, e, un ano máis tarde, nos orzamentos”, engadiu.