Site icon Crónica3.com A Mariña

Os concellos lucenses reciben este ano preto de 20 millóns de euros do fondo de cooperación da Xunta para investir nas obras e servizos que estimen prioritarios

Lugo, 11 de decembro de 2018. A Xunta de Galicia distribuíu este ano preto de 20 millóns de euros entre os concellos lucenses ao abeiro do Fondo de Cooperación Local, un orzamento que poden destinar ás obras e servizos da súa competencia que consideren prioritarios.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, fixo hoxe balance deste programa, que se abona aos concellos en 12 mensualidades e a mes vencido, polo que xa teñen recibido o 92% do total deste ano.

Destacou que se trata dun orzamento que “chega á totalidade dos concellos da nosa provincia” e que se distribúe en base a criterios obxectivos que ademais son pactados con carácter previo coa Federación Galega de Municipios e Provincias.

Entre estes criterios, teñen un peso específico os relativos á poboación -especialmente o número de habitantes pero tamén o número de persoas maiores de 65 anos-, así como a superficie do concello e a cantidade de núcleos de poboación.

Balseiro avanzou que no vindeiro exercicio a Xunta aumentará un 2,5 por cento o Fondo de Cooperación Local, ata os 128,7 millóns par ao conxunto de Galicia, o que significa que haberá 485.000 euros máis para os concellos lucenses.

Polo que respecta ao presente ano, destacou a contía que percibe o concello da capital, 2.846.000 euros, o único da provincia que figura no grupo de de máis de 50.000 habitantes. Establécese un segundo grupo para municipios de entre 15.000 e 50.000 habitantes nos que se sitúan Monforte de Lemos, que recibe 732.750 euros; Vilalba, con 919.250 euros, e Viveiro, con 532.070 euros.

Os 63 concellos restantes da provincia inclúense no terceiro e último grupo, o de municipios de menos de 15.000 habitantes, e reciben en conxunto 14.327.500 euros.

Distribución por comarcas
José Manuel Balseiro explicou a distribución do Fondo de Compensación nas distintas comarcas da provincia.

Así, os 15 concellos da comarca da Mariña reciben 3.800.000 euros; no sur da provincia, os 12 concellos das comarcas de Lemos, Quiroga e Chantada reciben 3.365.000 euros; na Terra Chá e Meira 12 concellos reciben 3.507.000 euros; na comarca de Lugo, oito concellos reciben reciben 4.438.000 euros; os sete concellos da comarca de Sarria suman 1.587.000 euros; os seis dos Ancares 1.261.500 euros; os tres da comarca de Fonsagrada 705.500 euros, e aos tres concellos da Ulloa correspóndenlles 691.000 euros.

Balseiro incidiu en que con estas achegas a Xunta “quere contribuír a que os concellos poidan continuar prestando os debidos servizos á cidadanía, mellorando as condicións de vida que satisfagan as necesidades dos seus veciños e o fagan sen necesidade de ampliar a carga impositiva que soporta a veciñanza”.

“Se hai un goberno que traballa por todos os veciños da provincia por igual, este é o da Xunta de Galicia -afirmou-, que se esforza por satisfacer as necesidades de todos os lucenses, vivan onde vivan, e amosa o seu respecto pola autonomía dos concellos”, que poden destinar estes fondos a obras, servizos, persoal, gastos correntes, e os que eles determinen para gastos e inversións acordes coas competencias municipais.

Exit mobile version