Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas acusan á Xunta de “non facer os deberes” de manter limpa a canle do río que anegou Viveiro o pasado 18 de novembro

Santiago de Compostela, 05 de decembro de 18. A deputada socialista Patricia Otero acusou hoxe ao goberno galego de “non facer os deberes” de manter limpa a canle do río Xunqueira logo de autorizar talas de árbores río arriba. Otero presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que denunciou que a “incompetencia” do goberno galego provocou o atranco das pontes e a inundación que se cobrou a vida dunha veciña de 83 anos.

A responsable socialista lembrou as reiteradas reclamacións da Asociación de Veciños Valdeflores, que “cada ano lle comunicaba á Consellería de Infraestruturas e a Augas de Galicia da urxencia de limpar a canle do río logo de ter autorizado talas de árbores”. Acusou á conselleira de “non responder se quedou limpa a canle nin comprobar como quedaron os ríos logo da tala autorizada por vostedes”.

Criticou que teñan feito “ouvidos xordos” diante das alarmas dos veciños, que desta volta tiveron consecuencias tráxicas, máis alá das perdas económicas e mesmo da dimisión dunha concelleira do PP “supoño que por coherencia política e por vergoña”.

Otero lamentou a “frivolidade” amosada pola conselleira, que nunha primeira visita á zona dixera que a única causa dos asolagamentos fora un fenómeno meteorolóxico inusual e que non se volvería repetir “en 500 anos”. Advertiu que, tal e como ten recoñecido Augas de Galicia, a catástrofe xestouse río arriba, logo de que o goberno concedera permisos de tala pero sen preocuparse de como quedara a canle do río.

Exit mobile version