Site icon Crónica3.com A Mariña

Para Fernando Suárez o ano que remata foi moi importante para Ribadeo. O rexedor referiuse á saneada situación económica do Concello, ás moitas obras desenvolvidas en vías públicas e ao remate da construción e equipamento da residencia de maiores. No 2019 darán comezo novos proxectos

Ribadeo, 31 de decembro de 2018. O alcalde, Fernando Suárez, felicita as festas á veciñanza e desexa que o 2019 chegue cheo de renovadas esperanzas e de novos proxectos. O rexedor subliñou que o 2018 foi un ano moi importante para Ribadeo e aludiu á saneada situación económica do Concello, ás moitas actuacións desenvolvidas en vías públicas e ao remate da construción e equipamento da residencia de maiores. Suárez Barcia asegurou que o seu equipo traballou con humildade e con dedicación e que Ribadeo é un concello puxante e dinámico. No 2019 seguirán adiante algúns dos proxectos que están en marcha e chegarán outros novos, que aparecerán recollidos nos orzamentos municipais do novo ano.
O alcalde de Ribadeo dixo: “nestas derradeiras horas de 2018, este ano que se nos vai, quixera como alcalde de Ribadeo enviar os meus parabéns, os do equipo de goberno e de toda a Corporación Municipal, a todos os nosos veciños e veciñas, a todos os ribadenses de nacemento, de adopción e de corazón, aos que viven aquí e aos que se tiveron que marchar para procurar unha vida mellor fora. A todos eles e a todos vos desexarvos que este vindeiro 2019 veña cheo de renovadas esperanzas, de novos proxectos, e que se cumpran todas as ilusións que tivésedes no voso maxín”.
Suárez Barcia salientou que “sen dúbida que para o Concello de Ribadeo este 2018 foi un ano moi importante en moitos aspectos, tanto económicos, cunha situación económica moi saneada e uns índices de débeda pública dos máis baixos en moitísimos anos. Tamén en aspectos de infraestruturas, hai que ter en conta as numerosas actuacións, masivas diría eu, na reparación e no acondicionamento de vías públicas tanto na vila como nas parroquias, como en aspectos de benestar social como puido ser o remate da construción e o equipamento da nova residencia de maiores de Ribadeo, que entrará en funcionamento nos vindeiros meses”.
O rexedor declarou que “alén do resto de actuacións no mundo da cultura, na igualdade de xénero, no medio ambiente, no turismo, no comercio ou no deporte no que fomos facendo con humildade, pero con dedicación e poñendo o mellor de nós mesmos como equipo de goberno, para que Ribadeo siga lucindo como un concello dinámico, puxante e que siga destacando, e moito, en toda a súa contorna”.
O alcalde engadiu que “toca agora prepararse para este novo 2019 onde habemos continuar con todos estes proxectos que temos en marcha ao tempo que iniciaremos outros que temos contemplados e que se precisarán nos novos orzamentos municipais, que levaremos ao pleno da Corporación dentro de moi poucos días”.
Fernando Suárez manifestou que “este 2019 tamén vai ser o ano do remate dun ciclo e do principio doutro, pois como todo o mundo sabe o período de catro anos de mandato rematará en maio e Ribadeo, como o resto de concellos, deberá render contas diante da veciñanza. Polo que ten que ver con nós, co goberno municipal, farémolo cun grande orgullo e cun sentimento de esforzo e dedicación a esta tarefa que nos foi encomendada”.
O alcalde de Ribadeo rematou esta mensaxe de fin de ano cun desexo: “pasen, veciños e veciñas, unhas boas festas na compaña da súa familia e vémonos á volta dunhas horas xa no novo 2019. Saúde, terra e que viva Ribadeo”.

Exit mobile version