Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentación de nova novela de Pepe Peinó

O Valadouro 15-12-18. Escribir é unha experiencia intermedia entre soñar e crear. Eu soñei toda a miña vida e as miñas inquedanzas creativas leváronme, entre outras cousas, cara á literatura. Agora publico con Olelibros a miña segunda novela, tamén en galego. Titulada “A fuxida”. Fala das inquedanzas da adolescencia, dos seus conflitos emocionais, da busca incesante que acompaña a esa idade, unha busca que é á vez dun mesmo, do mundo e do lugar que debemos ocupar nel. Xaime é un rapaz solitario e reflexivo, que se fai moitas preguntas sobre a vida e, ansioso por atoparlles resposta, foxe da súa casa e da súa familia, intentando situarse a si mesmo no lugar que lle corresponde. Trátase dunha historia tan cotiá como profunda, tan de todos como especial.

O día 22 de decembro, ás 19,00 horas, presento esta novela no Local Social de Alaxe, no Valadouro, acompañado de Eugenia Iglesias, psicóloga, e de Bernardo Penabade, lingüista e profesor. Posto que a historia que presento ten a súa parte psicolóxica e a súa parte pedagóxica, os convidados son os axeitados. Grazas anticipadas a eles pola súa compaña e tamén á Comunidade de Montes de Alaxe que, xentilmente, me cedeu o local para a presentación.

Agardo tamén por ti… e por ti… e por ti… e por ti… Porque os lectores tamén son parte moi importante na vida dun libro. Virás? Alí nos veremos, de novo unidos pola literatura, polo soño de crear e de soñar, polos sentimentos…

Exit mobile version