Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentación do Caderno Número 8 do SEVA

O Valadouro 13-12-18. O Seminario de Estudos do Valadouro presenta o día 22 de decembro o seu Caderno Número 8, obra de Claudio Otero Eiriz.
Retomamos a coñecida sentencia de que “quen non coñece o seu pasado, non se coñece a si mesmo”. Continuando co noso labor de conservar e recuperar a cultura do noso Val, regresamos ó pasado da man do chantadés Claudio Otero Eiriz, coa súa obra de investigación “As fábricas de curtumes de Alfoz. Historia e patrimonio”. Doutor en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica pola USC, Claudio leva bastante tempo investigando sobre o tema das fábricas de curtumes de Galicia. Tendo en conta que no concello de Alfoz houbo ata tres fábricas de curtumes nun pasado moi próximo, pedímoslle a Claudio que nos preparase un estudo sobre eles, que é o que vos imos ofrecer neste Caderno Número 8. O noso especial agradecemento ó noso compañeiro Marco Candia, que, con empeño e ilusión, promoveu esta publicación que vos presentamos. Na pequena charla do día 22 de decembro, ás 12 da mañá, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz, estarán os dous, o autor e o promotor do libro. Invitámosvos a acompañarnos, tanto se sodes de Alfoz como se non, porque esta parte da cultura que vos presentamos é máis galega que local, máis universal que alfocense, aínda que tamén, claro está, forma parte do noso pasado máis próximo.

Exit mobile version