O Mes da Maxia é unha iniciativa que naceu no ano 2011 como elemento dinamizador e de promoción do territorio, que ao mesmo tempo busca favorecer a desestacionalización do turismo, ofrecendo un motivo canto menos diferente polo que visitar a Mariña Lucense. Tamén se trata dunha cita especial que os establecementos mariñáns lle brindan aos seus clientes habituais.
Este ano o Mes da Maxia celebrouse en 12 concellos da Mariña Lucense: Viveiro, Cervo, Foz, O Valadouro, Burela, Ourol, A Pontenova, O Vicedo, Ribadeo, Barreiros, Mondoñedo e Alfoz e en 19 restaurantes diferentes distribuídos ao longo destas localidades: O Asador, O Noso Lar, Casa Damián, Hotel Vila do Val, Buenavista, A Marquesa, A Garita, Casa do Fidalgo, Mis en Plas, O Rincón do Mis, restaurante Area Grande, O Cabazo, A Yenka, Texturas Galegas, A Penela, O Almacén, As Sirenas, Casa Franco e o Parador de Turismo de Ribadeo.
En canto aos magos, ademais de dous fieis a esta data como son Rafa e Teto tamén estivo presente a Asociación de Magos da Mariña Lucense da man de Pi, Kiko, Joge e Paredes.
Desde a xerencia da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Tania Hermida, explica que “o Mes da Maxia que este ano comezou o 2 de novembro e rematou o 1 de decembro supuxo para a maioría dos establecementos participantes un cheo total. Os restaurantes participantes consideran esta cita unha oportunidade para, ademais de coidar aos clientes habituais que en moitos casos son os que ano tras ano xa demandan esta oferta, darse a coñecer entre o resto de mariñáns. Trátase dunha iniciativa que consideran moi boa nunha das épocas de menor actividade para o sector. O Mes da Maxia busca tamén a promoción da gastronomía local baixo o paraugas do destino A Mariña Lucense”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, que fai un balance positivo do VII Mes da Maxia, subliña que “tanto a oferta gastronómica dos restaurantes como as actuacións dos magos, polo xeral, foron do agrado das persoas que se decidiron a disfrutar desta cita. De cara ao próximo ano a Mancomunidade seguirá traballando para entre todos ofrecer un produto de calidade, distinguido e único. Tamén se procurará aumentar a promoción do Mes da Maxia no exterior e que cada ano sexan máis as persoas que vexan nesto unha escusa para visitar a Mariña Lucense no outono. Nesa liña seguiremos a traballar, en conseguir que cada vez veña máis xente a esta comarca durante o outono e o inverno”.