Site icon Crónica3.com A Mariña

Rogos e preguntas dos concelleiros non adscritos de Viveiro para o pleno

Viveiro, 07 de decembro de 2018. Bernardo Fraga Galdo, Manuel Galdo Dopico e Oscar Lara Gil, Concelleiros Non Adscritos da Corporación Municipal de Viveiro, conforme á normativa vixente, presentan ao Pleno Municipal de Viveiro, os seguintes rogos e preguntas:

ROGOS E PREGUNTAS
1. O pasado domingo día 2 de decembro tiña que celebrarse no noso Concello o 4º Ciclocross organizado pola Peña Ciclista Lar. Catro días antes da celebración da proba a mesma foi suspendida por razóns que o Concello de Viveiro non xustificou con claridade.
Segundo os datos da organización a cuarta edición do Ciclocross contaba con 430 persoas inscritas, procedentes de distintos lugares da xeografía galega e de Asturias. Esta participación masiva é froito da boa organización das edicións anteriores. Así mesmo contábase coa reserva de 270 prazas hoteleiras de participantes que ían pernoctar na nosa cidade.
A organización tiña a proba publicitada na prensa local, en revistas especializadas e na Televisión de Galicia. A proba ía celebrarse inicialmente no lugar habitual, no que queda do Parque Pernas Peón, lugar vetado polo propio Concello a pesar de contar coa autorización de Costas, segundo a organización. Finalmente ía celebrarse no entorno de Lavandeiras, neste lugar a organización fixo unha proposta de percorrido, autorizada inicialmente polo Concello, e logo modificada a fin de non interferir no solo de Costas. A pesar disto e da boa vontade da organización para que a proba se realizase en Viveiro, a mesma foi cancelada.

Suspender a proba supuxo un golpe forte para a organización da proba, posto que esta situación provoca un desprestixio enorme tanto para Viveiro como para a propia organización, e pode provocar a perda de outras probas do Circuito Galego por parte da Federación, ou o traslado a outros concellos do noso entorno, o cal sería unha mala noticia.

E por isto que preguntamos:
-¿Por qué non se celebrou a proba no parque Pernas Peón? ¿Cales foron os motivos da súa cancelación nesta ubicación? ¿Quen tomou a decisión de que non tivera lugar na súa ubicación habitual?
-¿Por qué non se aceptou a última proposta de percorrido no entorno de Lavandeiras? ¿Quen tomou a decisión por parte do Concello de cancelar a proba a catro días de ser realizada?

-¿Por qué non se buscaron alternativas no noso Concello de novas ubicacións a fin de non suspender a proba a última hora?

E rogamos:
Por parte da Alcaldesa se trasladen a este Pleno todas as explicacións oportunas a fin de que este tipo de situacións non volvan a suceder no noso Concello.

2. A Consellería de Infraestructuras ven de realizar obras no noso Concello durante estes días, as mesmas supuxeron enormes atascos e incomodaron considerablemente á veciñanza. Así mesmo, entre outras actuacións realizaron un paso elevado en Lodeiro á altura do número 34, o cal ten saída iniciamente ao carril de circulación, logo ao aparcamento en batería existente e logo á beirarrúa. Dita beirarrúa non ten rebaixe, supoñemos que está pendente de execución.
E por isto que preguntamos:
Houbo algún tipo de coordinación entre a Xunta e o Concello a fin de evitar as retencións de máis de unha hora e incomodidades á nosa veciñanza?
Quen ordenou a ubicación do paso elevado no medio do aparcamento en Lodeiro, cando a todas luces a súa ubicación idonea sería onde rematan as edificacións para o seu enlace coa beirarrúa en dirección Celeiro?

Exit mobile version