Site icon Crónica3.com A Mariña

Touporroutou Teatro estera o sábado 15 en Foz “Comedia bífida”

Foz 11-12-18. O salón de actos do Colexio Martínez Otero de Foz acolle o sábado 15 de xaneiro ás 20:00 h a estrea de Comedia bífida, unha obra teatral de Manuel Núñez Singala, representada polo grupo Touporroutou teatro.
Touporroutou teatro é un grupo de teatro amador xurdido no seo da asociación cultural A Pomba do Arco cuxos actores xa teñen participado na posta en escena de diversas pezas teatrais como De vello gaiteiro, da autoría de Manuel Luxilde Penelas, ou Antigona, da escritora María Xosé Queizán. Ao tempo as persoas que participaran na representación teatral son as mesmas que ano tras ano poñen en marcha o espectáculo do Touporroutou no Antroido focego.A compañía dirixida por Chus Rabade, esta formada por Tono Neira, Marcos Fernández, Almudena Rubal, Olaia Otero, Xorxe Castro, Rebeca Vázquez, Laura e Paz Quiroga.
Comedia bífida é unha peza teatral de Manuel Núñez Singala, un escritor nado en Lugo en 1963 e autor dunha ampla obra literaria entre a que podemos sinalar O achado do castro, Planificación estratéxica, Mar de fondo ou máis recentemente Noite de Temporal. Comedia bífida é unha obra só apta para aqueles que están dispostos a non parar de rir, en definitiva cómpre que esteades mortos para participardes nesta farsa do xuízo final. Se non o estades, quizais poidades asistir a este encontro con algunhas das situacións que a diario vivimos en relación co galego. Dispoñédevos a rir, sorrir e pensar. Porque algunhas das cousas que facemos e dicimos sobre a nosa lingua non as entende nin san Pedro.
A asociación cultural A Pomba do Arco, entidade organizadora deste acto, quere convidar a todos os veciños e veciñas de Foz a que acudades a representación teatral de Comedia bífida que tamén significa o nacemento dunha nova compañía de teatro Touporroutou teatro, que ven a sumarse aos outros grupos xa existentes no concello. A entrada será gratuíta até cubrise o aforo polo que pregamos as persoas que queiran asistir a representación que se acheguen con puntualidade ao salón de actos Colexio Martínez Otero de Foz.

Exit mobile version