Site icon Crónica3.com A Mariña

Valoración do 2018 do Cenctro Comercial Casco Histórico de Viveiro

Viveiro 12-12-18. A poucos días de rematar o 2018, desde o Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro facemos balance de tódalas actividades levadas a cabo dende a Asociación ó longo deste ano.

Foron moitas as iniciativas postas en marcha, con gran aceptación por parte dos clientes, como a campaña do 20% de desconto ou Shopping Weekend, campaña de Rebaixas de verán e inverno, a campaña Fora Stocks con miles de artigos a uns prezos de ganga, San Valentín cun sorteo dunha viaxe a París, o Día do Pai con caricaturas en directo con papá, o Día da Nai co sorteo dun espectacular diamante, a Feira de Stocks, o Black Friday, o PrerresuFest coa exposición da historia do festival, as visitas guiadas de Semana Santa co historiador Suso Martínez, Teatro na Rúa co grupo Ardora, e a 1ª edición da Feira de Vodas cun éxito absoluto. Tamén participamos no Sorteo da Fcam con 10.000€ en premios, a campaña de Os Días Azuis da Dirección Xeral de Comercio, e Merca e Gaña polo Nadal da Deputación de Lugo, así como a rotulación de sete traseiras de autobuses con publicidade do CCHV. Recibimos ós navegantes da Travesía “Navega o camiño” co grupo de gaitas Os Valuros. Temos Juepeo (os Xoves en Viveiro Tapeo) ó longo de case todo o ano, e o Concurso de Tapas anual que atrae xente de toda a provincia. Puxémonos un pouco serios para arrancar a campaña en defensa do comercio local, empapelando os escaparates, deixando Viveiro a escuras, ou poñendo vinilos no chan con 30 motivos polos que mercar no comercio local. E para rematar o ano converteremos Viveiro en referente para visitar e mercar este Nadal, a decoración de rúas con luces, fío musical con panxoliñas e abetos naturais que vestirán o centro urbano creando un ambiente moi festivo. Sortearemos 1.500€ en premios na Ruleta do Nadal, 120.000 números para o sorteo de 3 soldos de 1.200€. A Casiña de Papá Noel que despois se converterá na Casiña Solidaria para recoller alimentos e xoguetes en colaboración con Dignidade Viveiro. Unha árbore de luces de 9 metros fará aínda máis luminoso Viveiro, e o coro Tempus Fugit deleitaranos cas súas voces.

Son máis de 30 campañas con 12.000€ en premios en vales de compra e 3.000€ en premios físicos.

Todo isto coa fin de reforzar o compromiso cos nosos clientes e asociados, transmitindo o necesario que é mercar no comercio local e as vantaxes que supón. Trátase de poñer en valor as compras no comercio tradicional, onde o trato é persoal e próximo, con asesoramento profesional, artigos de calidade e a prezos que poden abarcar todo tipo de petos, e o máis importante, están aquí ó lado, sen necesidade de desprazamentos, ofrecendo algo que en ningún outro lado poden ofrecer: un Centro Comercial Aberto que invita a pasear, desfrutar das súas rúas e do aire libre.

Pero non nos centramos unicamente en campañas promocionais, senón que ó longo do ano prestamos apoio e colaboración a distintas organizacións da zona que realizan actividades culturais, deportivas, medioambientais ou proxectos sociais. Tamén colaboramos coa Policía Nacional co Plan de Comercio Seguro, e xestionamos cantidade de ofertas de emprego para negocios asociados.

As novas liñas de traballo pasan por impulsar a unión de todo o comercio viveirense, para lograr unha Asociación máis forte e afianzar o peso que ten en toda a comarca, sendo un referente comercial en moitos quilómetros á redonda.

A Viveiro chegan clientes de toda a Mariña e Ortegal, atraídos pola gran oferta comercial, de servizos e de lecer que ofrece a cidade do Landro. A Asociación seguirá traballando por mellorar o atractivo comercial e o poder de atracción da zona, lanzando novas promocións e servizos tanto para clientes como para negocios asociados.

Dende a asociación, dámos as grazas a todos os que fixeron posible o éxito de todo este ano de traballo, institucións como Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Viveiro, ós socios que apoian todas e cada unha das actividades que realizamos, e sobre todo ós nosos clientes… “Entre todos, facemos que o Centro Comercial de Viveiro sexa máis que un Centro Comercial”.

Exit mobile version