Site icon Crónica3.com A Mariña

40 veciños da provincia premiados con tarxetas regalo de 10.000 euros coa campaña Merca e Gaña polo Nadal da Deputación e Federación de Comercio

Lugo, 18 de xaneiro de 2019. 40 veciños da provincia foron premiados con tarxetas regalo de 10.000 euros pola campaña Merca e Gaña polo Nadal da Deputación e Federación de Comercio. Os premios foron entregados polo Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, acompañado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, o Presidente de Lugo Centrum CCA, José Luís Pérez, o Director Territorial de ABANCA en Lugo, Javier Soto Garrido, entidades colaboradoras con esta campaña. No acto, tamén se entregaron os premios do Concurso de Postais de Nadal Vive o Centro.

Santos Ramos subliñou “o éxito de participación nesta campaña, na que se rexistraron máis de 31.000 compras, o que amosa o compromiso dos veciños co comercio de proximidade, un dinamizador social e económico da provincia. As compras realizadas nesta campaña tiveron un valor estimado de 1,9 millóns de euros, un 18% máis ca o ano pasado, ademais de rexistrar 5.000 usuarios máis”

O número de premiados por Concello foron: 3 en Mondoñedo, 6 en Sarria, 2 de Viveiro, 1 de Xove, 3 de Monforte de Lemos, 2 de Rábade, 1 de Chantada, 8 de Lugo, 1 de Burela, 2 de Lourenzá, 4 de Foz, 3 de Vilalba, 1 de O Vicedo, 1 de Taboada, 1 de Ribadeo e 1 de Covas-Viveiro.

Merca e Gaña polo Nadal
A Campaña Merca e Gaña polo Nadal, que tivo lugar entre o 6 de decembro e o 6 de xaneiro de 2019, buscou fomentar as compras nos comercios de proximidade. Nesta anualidade, contou con 10.000 euros en premios repartidos en tarxetas regalo de 200 e 300 euros, que deberán ser utilizadas para mercar no comercio de proximidade da Provincia. O sorteo tivo lugar o pasado venres 11 de xaneiro entre os 31.500 tickets participantes, dos que saíron 40 gañadores das tarxetas regalo.

Vive o Centro este Nadal
Durante o Nadal, tamén tivo lugar o Concurso de Postais de Nadal Vive o Nadal. Foron 3.000 os cativos que participaron nesta actividade, duplicando as previsións da organización. Os 5 premiados, de entre 4 e 10 anos, recibiron xoguetes acorde á súa idade. Vive o Centro este Nadal foi unha campaña de animación no centro da cidade, e contou cunha oferta variada de 40 actividades: teatro, contacontos, obradoiros, ambientación musical…

Exit mobile version