Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro afirma que A Mariña é un “destino de múltiples experiencias” capaz de conformar “unha oferta turística de calidade, desestacionalizada e competitiva”

Madrid, 24 de xaneiro de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou hoxe que A Mariña “ten recursos dabondo para atraer visitantes durante todo o ano, non só no verán, e esta é a primeira mensaxe que queremos deixar en Fitur”.

Balseiro participou na presentación do programa “A Mariña, máxica por natureza” que promoveu a Mancomunidade de Municipios no stand da Xunta de Galicia na Feira Internacional do Turismo que se celebra en Madrid, unha das máis relevantes do sector a nivel mundial.

“Tratamos de facer ver que A Mariña e é un destino de múltiples experiencias, que ademais de praias que son auténticos monumentos naturais e temperaturas suaves, ten patrimonio cultural, ten montaña, gastronomía, e moitos outros ingredientes para conformar unha oferta de calidade, desestacionalizada e competitiva”, afirmou o delegado.

Balseiro puxo de manfiesto o apoio da Xunta á Mancomunidade de Municipios na xestión do xeodestino e outras iniciativas que desenvolve a Xunta para “dar a coñecer e mellorar os recursos do territorio, con iniciativas como o museo virtual sobre a comarca que funciona dende hai uns meses no Cenima de Foz”.

O delegado afirmou que A Mariña ten unha presencia destacada na feira, xa que participa doutros programas da Xunta de Galicia que tamén se presentaron hoxe en Fitur, como os Trens Turísticos ou a Semana Santa -con mención importante para a de Viveiro-.

Igualmente, a Consellería de Cultura e Turismo presenta os proxectos e accións que encherán de cultura e vida Galicia durante o Xacobeo 21, no que o Camiño Norte estreará a declaración de Patrimonio da Humanidade; e tamén a marca Fest Galicia, creada pola Consellería para promocionar a Comunidade como destino musical coa súa ampla oferta de festivais que funcionan de xeito profesional.

En total, o stand que instala a Xunta, a través de Turismo de Galicia, acollerá máis de 40 presentacións, tanto as organizadas pola Consellería de Cultura e Turismo como das entidades que así o solicitaron.

Paralelamente, a propia Consellería de Cultura e Turismo participa no Workshops Hosted Buyers, encontros B2B (Business to Business), unha das principais accións profesionais da feira para establecer contactos cos principais operadores turísticos internacionais. E o sector turístico galego dispón no stand dunha área específica de traballo e punto de encontro para as súas relacións comerciais

Exit mobile version