Site icon Crónica3.com A Mariña

Centos de persoas arrouparon a presentación internacional do Ribadeo Indiano. A cita foi en Madrid, na Casa de Galicia

Ribadeo, 24 de xaneiro de 2019. Centos de persoas arrouparon coa súa presenza a presentación internacional do Ribadeo Indiano 2019, evento que chega á súa sexta edición e que se celebrará do 12 ao 14 de xullo. A cita foi en Madrid, na Casa de Galicia e Delegación da Xunta na capital.
Os asistentes puideron ver o agarimoso saúdo gravado polo famoso cantautor cubano Pablo Milanés, as mensaxes de tres profesoras da Universidade de Huelva, que coñecen o Ribadeo Indiano e que están dispostas a volver, ou a testemuña en directo de Jorge Elías, profesor da Universidade del Magdalena, en Colombia, estudoso e experto en migracións, que agarda poder gozar este ano con este evento histórico e cultural co que Ribadeo lle rende homenaxe aos emigrantes. A edición de 2019 estará dedicada a Cuba, de aí a presenza neste acto da Agregada Cultural da Embaixada cubana en España. Tamén asistiron o Embaixador de Arxentina, que xa tivo oportunidade de participar no Ribadeo Indiano hai dous anos, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a secretaria da Mesa do Parlamento, Raquel Arias, ou concelleiros da Corporación Municipal de Ribadeo.
O acto foi presentado por José Ramón Ónega, director da Casa de Galicia, e no mesmo interviñeron o alcalde, Fernando Suárez; a concelleira de Turismo, Ana Martínez; o presidente de Acisa, Francisco Iriarte; e Pilar Cagiao, profesora de Historia de América na Universidade de Santiago de Compostela. Tras as quendas dos discursos houbo tempo para establecer conexións con James Fernández, profesor na Universidade de Nova York e experto en emigracións, que cualificou como experiencia inesquecible o seu paso xa polo Ribadeo Indiano, a onde agarda volver cunha importante comitiva de amizades; en Londres estaba Mª José Coto, orixinaria dunha parroquia ribadense, que aínda non coñece o evento, pero que agarda vivilo este ano; desde Atenas interveu Lola Pertejo, que dixo que o Ribadeo Indiano te transporta ao pasado e está desexando que chegue o mes de xullo para achegarse de novo a gozar desta cita; e desde París o protagonista da conexión foi Manuel Álvarez.
No acto celebrado na Casa de Galicia en Madrid foi presentado en primicia o cartel do Ribadeo Indiano 2019, ao que todos os asistentes quedaron convidados. A cantautora ribadense Carme Rodríguez foi a encargada de poñer a nota musical a unha velada que rematou cunha degustación gastronómica ofrecida polos restaurantes ribadenses El Piano e El Oviedo e na que se saborearon doces típicos de Ribadeo das pastelerías La Alianza e La Plaza.

Exit mobile version