Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 1.200 quilos de berberechos vendidos na Festa do Chícaro de Foz

Lugo, 19 de xaneiro de 2019. A Deputada pola Comarca da Mariña, Mayra García Bermúdez, participou este sábado na XVI Festa do Chícaro de Foz, coa que colabora o Goberno da Deputación cunha achega de 4.000 euros. Trátase do evento gastronómico que se celebra esta fin de semana nunha carpa habilitada no peirao de Foz e nos establecementos hostaleiros deste municipio da Mariña. O obxectivo da cita é promocionar o berberecho, produto autóctono característico da cociña da costa lucense.

García Bermúdez subliñou “o compromiso que ten o Goberno da Deputación con este tipo de iniciativas, que serven para promocionar a gastronomía da provincia, un dos nosos grandes atractivos, ao mesmo tempo que desestacionalizamos o turismo­­­. O chícaro é un manxar que ademais de atraer ano tras ano a milleiros de visitantes dispostos a probalo, pon en valor o marisqueo, unha actividade tradicional da costa de Lugo e que constitúe un dinamizador social e económico da nosa provincia”.

Na XVI Festa do Chícaro ofrecéronse uns 1.200 quilos deste alimento só na carpa situada no peirao. As racións alí servidas tiveron un prezo de 5 euros con pan incluído, e os participantes puideron elixir entre as diferentes formas de preparación: ao vapor, empanado, á provenzal ou con fabas de Lourenzá. Ademais, a festa contou con música e animación polas rúas.

Exit mobile version