Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural achegou 720.000 euros aos concellos da Mariña a través das axudas a incorporacións de mozos, plans de mellora e pequenas explotacións

Ribadeo, 26 de xaneiro de 2019.- O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou hoxe unha explotación láctea na Rochela, no concello de Ribadeo, e alí concretou as axudas que tivo a Mariña a través da orde de apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, de creación de empresas para os agricultores mozos e de pequenas explotacións. En total, esta comarca recibiu 720.000 euros da Consellería do Medio Rural, a maioría correspondentes aos plans de mellora (320.000 euros). Na liña de incorporación de mozos, esta comarca contou con outros 235.000 euros e 165.000 euros máis para as pequenas explotacións.

Así, o conselleiro, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, e polo delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, tamén destacou que Lugo é a provincia máis beneficiada por estas achegas ao facerse co 45% do orzamento. En concreto, dos 57,2 millóns de euros aprobados a través desta orde de axudas para toda Galicia, uns 26 millóns de euros foron a parar á provincia de Lugo.

No que se refire á incorporación de mozos, todas as solicitudes que cumprían os requisitos nesta liña foron admitidas e aprobadas, ata 194 en total. Así, 6 millóns de euros foron para os mozos que se incorporaron a explotacións da provincia de Lugo. A esta cifra, aclarou o conselleiro, súmanse os 18 millóns de euros para realizar investimentos nas empresas e así facelas máis competitivas (plans de mellora). Estas achegas beneficiaron a máis de 318 profesionais. E por último, no relativo ás pequenas explotacións de Lugo, ata 98 pequenas empresas do agro recibiron preto 1,5 millóns de euros.

Cabe recordar que esta é unha das ordes de axudas máis destacadas da Consellería do Medio Rural, xa que consegue mellorar a estrutura produtiva das explotacións e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, coa liña de mozos, búscase un rexuvenecemento da poboación activa rural e o fomento do emprego no agro, con especial consideración cara as mulleres, co fin último de fixar poboación no medio rural.

Exit mobile version