Previamente declarouse a ruína do inmoble ordenando a execución de obras de consolidación da fachada do edificio. Ante o incumprimento reiterado da orde de execución, o Concello impuxo dúas multas coercitivas (o 23 de marzo e o 30 de xuño de 2018) sen que o titular, unha entidade bancaria, chegara a cumprir a orde de execución.
Ao non efectuarse a rehabilitación por parte do propietario e ante e inexistencia de partida orzamentaria suficiente para acordar a execución subsidiaria da orde de rehabilitación, pode apreciarse a concorrencia dun suposto de ineficacia de medidas de execución forzosa polo que, ao amparo da Lei do Solo de Galicia, o Concello procede á inscrición do edificio no Rexistro de Solares municipal.
O edificio sairá a poxa pública
A inscrición no Rexistro Municipal de Solares habilitará ao Concello para tramitar a venda forzosa do inmoble nos termos establecidos na lexislación do solo de Galicia. O Goberno local, no prazo máximo dun ano desde a súa inclusión no inmoble no Rexistro de Solares, sacarao a poxa pública co tipo de licitación que resulte da valoración do inmoble.
Se a poxa fose declarada deserta, o Concello no prazo de seis meses poderá adquirir o inmoble con destino ao patrimonio público do solo ou convocarase de novo, no mesmo prazo, con rebaixa do prezo tipo nun 25%.
Se a segunda poxa tamén quedase deserta, o Concello no prazo doutros seis meses poderá adquirir o inmoble con destino ao patrimonio público do solo polo prezo de licitación da segunda poxa.
Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia
O Goberno local agarda “con expectación” a lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia. A norma que pretende facilitar a recuperación de centros históricos e núcleos rurais e protexer as edificacións históricas foi aprobada no Consello da Xunta deste xoves 10 de xaneiro para a súa remisión ao Parlamento.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, asegura que “a estratexia pasa por ofrecer axudas aos propietarios dos inmobles que precisen ser intervidos”. Con todo, anuncia “contundencia na aplicación da normativa para os propietarios que desoen todas as ordes e requirimentos”.