Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro participou este martes na concentración levada a cabo en Viveiro por unha Atención Primaria Digna

Viveiro 22-1-19. As nacionalistas de Viveiro amosaron o seu apoio ás traballadoras e traballadores e o seu compromiso en defensa dunha sanidade pública gratuíta e universal. A Atención Primaria continúa en estado de auténtica emerxencia en consecuencia das políticas do PP, sendo a atención primaria unha das principais damnificadas, denuncian as nacionalistas de Viveiro.

Dende a fronte nacionalista propoñen:

Incrementar o número de profesionais das diferentes categorías para acabar coa masificación dos cupos, de tal xeito que cada facultativo teña unha cota base de 1.250 tarxetas sanitarias., e nunca superior a 1.500. “Na quenda de tarde hai actualmente 4.714 cartillas, tres facultativos e dous cupos pechados”, sinalan os nacionalistas de Viveiro. “Por todo o anterior e sabedores de que o SERGAS é coñecedor da situación, pedimos a creación dunha cuarta praza médica para o noso centro médico para así garantir unha mellor atención sanitaria e evitar a sobrecarga asistencial”, afirman.

Mellorar os equipamentos no centro de saúde.

Suprimir as limitacións ás probas diagnósticas por parte do persoal de atención primaria.

Cobertura do 100% das ausencias e baixas dende o primeiro día.

Poñer en marcha un proceso de formación que se adapte ás necesidades reais do SERGAS.

PAC, un plan de mellora que garanta dúas equipas completas con persoal médico e de enfermería os 365 días do ano no centro de Urxencias de Viveiro-que atende ao Concello de Viveiro, O Vicedo e Ourol- e non só de venres a domingo. Por poboación, dispersión xeográfica, distancia ao centro hospitalario de referencia e tendo en conta que na Mariña só existe unha ambulancia medicalizada con base en Foz, é necesario contar con dúas equipas todo o ano para garantir unha asistencia de calidade”, afirman.A atención a emerxencias sen persoal adecuado non é aceptable nun país desenvolvido; e a responsabilidade desta asistencia de baixa calidade é da mala planificación por parte do SERGAS”.

“O Bloque de Viveiro ten claro que hai que reverter a situación de recortes e de privatizacións consumada polo PP ao longo dos últimos anos e quere mostrar a súa preocupación pola deterioración da Sanidade Pública en Viveiro resultado da política de recortes, desmantelamento e privatizacións levadas a cabo pola Xunta presidida por Núñez Feijóo”, conclúen.

Exit mobile version