Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas do Vicedo instan ao goberno municipal a que atenda o estado do campo de futbol “boavista” de O Folgueiro

O Vicedo, 18 de xaneiro de 2019. Vicente César Parapar Carreja, concelleiro do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE), en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta, diante do Pleno da Corporación esta MOCIÓN instando ao goberno municipal a que atenda o estado do campo de futbol “boavista” de o folgueiro, en base a seguinte:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A finais de ano 2004 a Asociación de veciños “Airiños do Folgueiro”, propietaria dos terreos onde se atopa o campo de futbol “Boavista”, e o Concello de O Vicedo acordan a cesión de ditos terreos da Asociación ao Concello a título gratuíto e por un prazo de 20 anos.

No acordo de cesión o Concello comprometese a realizar melloras no campo de fútbol e a realizar as obras necesarias para o seu equipamento, así como facerse cargo da súa conservación e mantemento.

Nese acordo dise que o equipo de fútbol “Unión Deportiva Folgueiro” terá dereito e preferencia a utilizar o campo de fútbol de forma gratuíta, sempre que o necesite para os seus adestramentos ou para disputar encontros.

Nesta tempada o club de fútbol “Unión Deportiva Folgueiro” atopase disputando a competición correspondente a Segunda Autonómica Grupo 6 Lugo Norte, da que vai líder e con moitas probabilidades de ascenso de categoría.

O citado campo de fútbol “Boavista” non se atopa, nestes intres, en unhas condicións óptimas para a práctica deste deporte, sendo necesario un arranxo de céspede así coma do sistema de rego.

A Deputación Provincial de Lugo vai aprobar, en próximas datas, o Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos para o ano 2019 e estas obras necesarias teñen perfecta cabida no mesmo (así o fixeron Burela, Chantada ou Paradela).

Por canto vai dito, este concelleiro propón ao Pleno da Corporación a adopción do seguinte

ACORDO

O Goberno Municipal do Concello do Vicedo incluirá nas obras a solicitar dentro do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos para o ano 2019 a “Substitución do céspede e mellora do sistema de rego do campo de fútbol “Boavista” do Folgueiro” .

Exit mobile version