Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o BNG, Cervo perde outra oportunidade para poñer os recursos ao servizo de políticas que muden a perda de poboación constante desde a chegada do PP ao goberrno municipal

Cervo, 18 de xaneiro de 2019. O BNG no apoiou o orzamento municipal de Cervo ao considerar, entre outras razóns, que o alcalde Villares, usa os orzamentos municipais para pagar a campaña electoral do PP mediante partidas opacas sen destino definido, un gasto desproporcionado en propaganda, e a externalización de traballos propios do persoal municipal.
O concelleiro nacionalista, Ibán Sánchez, cualificou os orzamentos municipais para 2019 de continuístas, e advertiu que supoñen unha nova oportunidade perdida de poñer os recursos do concello ao servizo de políticas que muden o ciclo de merma de poboación e fagan atractivo o noso concello para fixar e atraer novos veciños e veciñas como garantía de futuro, nu concello que vai camiño de perder preto de un millar de habitantes desde a cegada do PP ao goberno municipal.
Ibán Sánchez cualificou o goberno de Villares de esgotado, cun alcalde que camiña levado pola inercia, sen ofrecer nada novo que impulse a actividade social e económica do concello. O 2018 remata, e tamén o mandato de Villares como alcalde, con boa parte da poboación das parroquias rurais sen rede de saneamento, noutros casos cun funcionamento lamentábel, e noutros, como en San Cibrao, cunha parte vertendo sen depurar ao mar e outra conectada a unha rede nova con depuadora que nunca chegou a funcionar ben.
O concelleiro nacionalista denunciou que os ingresos aparecen “inflados” e moitos deles recaen sobre a veciñanza mediante impostos. En canto ao gasto, aparecen mais de 330.000€ (o 5% do orzamento) en partidas de “outros gastos diversos” que son opacas e non son admisibles nin xustificables, nin tan sequera dende o punto de vista estritamente técnico. Novamente chaman a atención polo seu excesivo volume as partidas de “propaganda e publicidade” así como as de “atencións protocolarias”.
Outra conclusión que se pode sacar dos orzamentos é que hai moito traballo externalizado, difícil de xustificar tendo en conta o alto e moi cualificado cadro de persoal do Concello. Para Ibán Sánchez, “ou hai un pésimo aproveitamento destes potenciais recursos ou ben un xeneroso afán de contratación de empresas externas, que lle serve ao alcalde para os seus manexos electorais.”
Tampouco se normaliza o reparto de subvencións para asociacións, cultura e deporte cun sistema que sexa máis obxectivábel, cunhas bases e criterios establecidos previamente. Pola contra, mantense o reparto nominativo que pola súa arbitrariedade e discrecionalidade debera ser excepcional. En definitiva moita festa, moito “circo”, para ternos contentos, e pouco proxecto para resolver a caída permanente do censo de poboación, concluíu Ibán Sánchez.

Exit mobile version