Site icon Crónica3.com A Mariña

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, avanza que a Xunta de Galicia está en disposición de asumir integramente o proxecto de remodelación do estadio municipal –estimado en 400.000 euros- a través das achegas que Ribadeo recibe do Fondo de Cooperación Local

Ribadeo, 16 de febreiro de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, amosou a súa sorpresa tras coñecer as declaracións do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, nas que cualificaba como “esmola” os 46.000 euros que a Xunta ten previsto achegar esta anualidade para a mellor do campo de xogo do estadio Pepe Barrera. Balseiro lembra que a cantidade reservada pola Xunta para financiar esta mellora é similar á que o propio Concello consigna no seu orzamento para este fin, e iso a pesar de que é a administración local e non a Xunta, a titular e propietaria destas instalacións deportivas.

“Si para o alcalde a cantidade achegada pola Xunta é unha esmola, que adxectivo empregará para referirse ao compromiso adquirido polo propio Concello, que destina unha cantidade similar, sendo o campo da súa titularidade”- preguntouse.

Balseiro lamenta que Suárez Barcia “estea permanente enfadado” incluso “cando se lle ofrece apoio para obras no seu municipio” e afirma que sería lamentable que detrás deste desprezo á achega da Xunta para a mellora do campo de xogo poda estar un intento de seguir a mesma estratexia que coa residencia, “buscar unha escusa para non aceptar a proposta de colaboración económica da Xunta”.

Financiamento integro da mellora
O delegado territorial avanza a disposición do Goberno galego de asumir integramente o proxecto de remodelación do estadio municipal –estimado en 400.000 euros- e ofrece unha fórmula para facelo posible, como é destinar a este fin as achegas que Ribadeo recibe da Xunta a través do Fondo de Cooperación Local, que superan anualmente esta cantidade e que ademais poden destinar para este fin sen ningún condicionante.

O compromiso da Xunta é firme
Con todo, o delegado tamén quixo aclarar que o compromiso da Xunta co Ribadeo Fútbol Club e coa Sociedade Deportiva Ribadeo é firme. “Nós mantemos ese ofrecemento e se non é posible chegar a un acordo para destinar eses cartos para a mellora do campo de xogo -a drenaxe e renovación de céspede- poderán destinar eses mesmos 46.000 euros xa comprometidos a outras melloras que desde as entidades deportivas estimen necesarias, previo convenio co Concello como titular das instalacións.

Exit mobile version