Site icon Crónica3.com A Mariña

20 lucenses recibirán formación sobre transformación da madeira cos obradoiros gratuítos da Deputación

Lugo, 1 de febreiro de 2019. A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, mantivo un encontro este venres cos 20 lucenses seleccionados para recibir formación co obradoiro gratuíto de transformación da madeira, que ofrece de xeito totalmente gratuíto a Deputación a través do DesenvolvendORural. Este curso, que comezará o vindeiro luns, dispón de 300 horas de aprendizaxe encamiñadas a dotar aos participantes de competencias xerais e precisas para traballar en empresas de transformación.

O proceso de selección no que se escolleron aos 20 alumnos, realizouse en dúas fases. A primeira delas, consistiu nunha sesión grupal e conxunta na que os aspirantes realizaron un test e coñeceron as características e contidos que se impartirán nesta acción formativa. A selección de candidatos completouse cunha segunda parte na que se realizou unha entrevista persoal a cada un dos aspirantes, co fin de coñecer máis polo miúdo, a súa formación, experiencia e situación.

O obradoiro, que dará comezo a vindeira semana, impartirase por profesionais da Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo e dispón de preto de 4 meses de formación. Os contidos que se abordarán diríxense a dotar aos participantes de competencias xerais para traballar en empresas deste ámbito, tanto a nivel teórico como práctico. Ademais centrarase no aprendizaxe e aproveitamento dos produtos forestais, manexo de equipos, máquinas e ferramentas en condicións de seguridade ou prevención de riscos laborais.

Esta acción formativa, enmárcase na liña de capacitación profesional do DesenvolvendORural, o plan de Deputación de 2,2 millóns de euros que busca xerar emprego e fixar poboación na provincia. En concreto e con esta acción, o Goberno da Deputación busca dar resposta ás demandas das empresas pertencentes a estes eidos: a falta de persoal cualificado en sectores produtivos do ámbito forestal, silvícola e gandeiro. Deste xeito, e en base a esa necesidade real, búscase cumprir con tres obxectivos principais: conseguir un incremento do número de traballadores formados, crear emprego no rural e promover o relevo xeracional deste tipo de explotacións.

Os procesos selectivos dos dous cursos restantes -formación para granxas de leite e carne (Unións Agrarias) e formación básica forestal (ASEFOGA), terán lugar nas vindeiras semanas e resolverase seguindo o mesmo proceso.

Exit mobile version