Site icon Crónica3.com A Mariña

35 lucenses con dano cerebral reciben atención profesional a través de ADACE, coa colaboración do Goberno da Deputación

Lugo, 19 de febreiro de 2019. A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, mantivo un encontro con usuarios de ADACE (Asociación de dano cerebral sobrevivo/adquirido de Lugo), entidade que presta atención profesional a 35 lucenses que sofren desta doenza. Fíxoo para coñecer de primeira man os resultados da colaboración que mantén o Executivo Provincial con esta asociación que presta atención a un total de 35 usuarios con dano cerebral: 20 no centro de día e 15 no servizo de atención ambulatoria. Os fondos que achega a Deputación permite, ademais de colaborar nos gastos do centro de día, a contratación dunha neuropsicóloga.

López Izquierdo destacou que “dende o Goberno da Deputación traballamos da man con ADACE xa que desenvolven un papel fundamental na prestación de servizos; chegando a onde as administracións publicas coas competencias non chegan. Por iso, colaboramos con eles, para reforzar o seu cadro de persoal que hoxe en día está composto por 8 profesionais”.

No centro de día de ADACE, son 20 os usuarios que reciben atención individualizada segundo as súas necesidades no centro de día, e outros 15 que, polas súas necesidades específicas, reciben esta atención nos seus domicilios. Os servizos que prestan son de logopedia, fisioterapia, neuropsicoloxía e terapia ocupacional. Realízase, por parte do equipo, unha valoración completa a cada usuario e establécese un tratamento personalizado, con pautas e obxectivos a acadar. As fases de actuación son as seguintes:

– Fase de intervención directa: neste proceso orientan; informan e proporcionan asesoramento ás familias sobre prestacións sociais; ingresos en centros especiais; seguimento de casos de longa duración; visitas a domicilio ou o fomento de reunións e conferencias periódicas, entre outras accións.

– Fase de rehabilitación: realízase unha valoración dos usuarios con Dano Cerebral Adquirido por parte dos profesionais da asociación e lévanse a cabo obradoiros de actividades diarias, comunicación, psicomotricidade e modificación de conduta.

– Fase de intervención familiar: neste ámbito realízase apoio e formación dos familiares afectados para un maior coñecemento da enfermidade, así como unha mellor adaptación do mesmo.

– Fase de Intervención Comunitaria: promoción de campañas de prevención e información na sociedade sobre a doenza e fomento da creación de recursos sociais.

Ademais do tratamento individualizado a cada usuario, ADACE conta cunha programación de ocio, na que se realizan actividades na piscina ou saídas culturais, entre outros. Tamén participan no programa Movémonos, o plan deportivo, saudable e social da Deputación, realizando actividades que traten de mellorar as condicións físicas.

A asociación conta cun equipo interdisciplinario formado por 8 profesionais: dúas traballadoras sociais, unha logopeda, unha fisioterapeuta, dúas auxiliares de enfermería, unha neuropsicóloga que financia o Executivo Provincial e unha terapeuta ocupacional que comezou a traballar nesta asociación co Ben Empregado II; tras rematar o período subvencionado polo organismo provincial, é unha das 32 traballadoras que continúan nas empresas e colectivos sociais da provincia, grazas ao plan laboral Ben Empregado.

ADACE
ADACE é unha asociación sen ánimo de lucro, creada no ano 2006, por persoas afectadas de dano cerebral sobrevido e as súas familias. Xorde como resposta á necesidade existente de atención a esta problemática, cunha finalidade moi clara: crear unha asociación para poder atender a todas as persoas relacionadas co dano cerebral. Os obxectivos primordiais que persegue son os de promover a acollida, información orientación e asesoramento a familiares de dano cerebral; sensibilizar á sociedade; ou a promoción, rehabilitación, integración e mellora da calidade de vida das persoas afectadas, entre outros.

Exit mobile version