Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación revalida o premio á Mellor Colaboración Institucional na Gala do Piragüismo Galego

Lugo, 9 de febreiro de 2019. O Goberno da Deputación recibiu o galardón á Mellor Colaboración Institucional na Gala do Piragüismo Galego 2018 celebrada este sábado no Pazo de San Marcos. O Executivo Provincial recibiu, por segundo ano consecutivo, esta distinción polo seu apoio continuo a este deporte, para o que na pasada anualidade achegou máis de 160.000 euros. Desta cantidade, 85.000 euros foron para o Programa de Promoción Provincial do Piragüismo, 20.000 para os 7 clubs lucenses desta modalidade, 19.500 euros para o mantemento da Escola Provincial, 6.000 para bolsas a padexeiros, e 30.000 euros para a celebración de eventos como a Liga Provincial de Piragüismo, a Travesía de Foz ou o Descenso Internacional do Miño.

É a primeira vez que a cidade de Lugo acolle esta Gala na que participaron o Presidente, Darío Campos Conde; o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández Méndez; ademais de piragüistas, adestradores e representantes dos distintos clubs de piragüismo de toda Galicia.

Campos Conde puxo en valor “o traballo que fan os 7 clubs lucenses polo crecemento e promoción deste deporte entre os veciños da provincia, tanto nenos como adultos, sendo quen de crear cada vez máis afección. Para este Goberno é unha honra poder acoller a primeira Gala do Piragüismo Galego que se celebra na nosa cidade no Pazo de San Marcos, o que supón unha nova mostra do apoio que dende o Executivo prestamos a un deporte que tantos éxitos e alegrías nos ten regalado nos últimos anos”.

Na gala, organizada pola Federación Galega de Piragüismo, foron premiados os mellores piragüistas galegos nas diferentes categorías, entre eles, os lucenses Cristian Toro, Tania Fernández e Xoel García. Tamén foron premiados os mellores equipos de cada categoría, o equipo revelación, o mellor árbitro, medio de comunicación, adestrador, mellor regata organizada, o gañador do premio Especial Xunta Directiva e os principais patrocinadores.

Lucenses Premiados
Ata 3 piragüistas lucenses, cos que colabora o Goberno da Deputación, recibiron un premio por ser os mellores deportistas galegos nas súas respectivas categorías:

Cristian Toro (Club Fluvial de Lugo): recibiu o premio ao Mellor Deportista Sénior Masculino no ano 2018, no que conseguiu ser campión de Europa nas modalidades K-4 500 e K-2 200, e subcampión do mundo en K-2 200 e K-4 500. O lucense recibiu no ano 2016 a Medalla de Ouro da Deputación, ademais dun premio económico de 5.000 euros por ser o único medallista olímpico da provincia en activo.

Tania Fernández (Club Fluvial de Lugo): gañadora do premio á Mellor Deportista Sénior Feminina xunto coa súa compañeira Tania Álvarez. No ano 2018 conseguiu o bronce na modalidade K-2 na categoría sénior do Campionato do Mundo de Maratón, e o 4º posto na mesma modalidade no Campionato de Europa de Maratón. O Goberno da Deputación colabora con esta deportista a través dunha bolsa.

Xoel García (Kayak de Foz): recibiu o galardón ao Mellor Deportista Xuvenil Masculino. Na pasada tempada conseguiu a medalla de bronce k-2 1.000 metros na categoría xuvenil do Campionato do Mundo de Sprint. O Goberno da Deputación colabora con esta promesa do piragüismo a través dunha bolsa, enmarcada na liña de axudas para deportistas individuais.

Axudas da Deputación ao piragüismo
O piragüismo é un dos deportes con máis tradición e seguimento na provincia de Lugo, que conta cun total de 7 clubs: Club Deportivo San Ciprián, Club Piragüismo Cidade de Lugo, Club Fluvial de Lugo, Club Kayak de Foz, Club Piragüismo Viveiro, Club Piragüismo Altruan, de Ribadeo e Club Montaña Quixós, de Monforte de Lemos. Co obxectivo de que esta modalidade continúe medrando na provincia, o Goberno da Deputación financiou no ano 2018 diferentes liñas de actuación:

– O Programa de Promoción Provincial do Piragüismo: o Executivo Provincial destinou en 2018 unha achega de 85.000 euros para o desenvolvemento desta iniciativa a través dos clubs lucenses, co obxectivo de achegar este deporte a toda a poboación, tanto en idade escolar como adulta, mediante o desenvolvemento de actividades específicas e a posta en común de medios e persoal cualificado. Entre as diferentes accións que este orzamento permite levar a cabo, atópanse:

1. Promoción nos centros educativos a través da campaña “Deporte Educación”. No último ano, participaron en este programa 3.547 alumnos de 35 colexios de 15 Concellos da provincia.

2. Desenvolvemento do programa federado: asesoramento técnico nos procesos de adestramento aos clubs, realización dun control e seguimento destes procesos e dos resultados competitivos e académicos aos padexeiros lucenses a través de visitas aos clubs e concentracións.

3. Desenvolvemento de xornadas técnicas, cursos de formación e accións docentes necesarias para a formación dos técnicos dos clubs.

– Colaboración de 20.000 euros cos 7 clubs de piragüismo da provincia, a través da liña de axudas de concorrencia competitiva para contribuír a sufragar os gastos derivados da tempada.

– Bolsas para os padexeiros lucenses: 13 axudas por un valor total de 6.000 euros.

– Achega de 19.500 euros para os gastos correntes e de mantemento da Escola de Piragüismo.

– Organización de diferentes eventos como: a Liga Provincial, o Descenso Internacional do Miño ou a Travesía de Foz, para os que o Executivo Provincial achegou 30.000 euros.

Outras axudas ao piragüismo nos últimos anos
Unha das actuacións máis destacadas do Goberno da Deputación en apoio ao piragüismo nos últimos anos, foi a construción dun novo hangar de piragüas en Foz. O Executivo Provincial financiou en solitario con 100.000 euros o edificio, que supuxo un novo pulo para o desenvolvemento de labores de formación e promoción do piragüismo na Mariña.

Exit mobile version