Site icon Crónica3.com A Mariña

A parroquia de Cervo celebrará o seu Entroido o domingo, 3 de marzo

Cervo, 20 de febreiro de 2019.- A parroquia de Cervo celebrará o seu Entroido o domingo 3 de marzo; pero xa o sábado 2, como antesala do Gran Desfile, terá lugar o tradicional Play Back Infantil, ás 18:30 horas, no salón de actos do Concello.
A cita foi presentada polo rexedor, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Dolores García Caramés, e por Rafa Blas e Carlos Sanz, en representación de Airiños do Xunco.
Os participantes deberán concentrarse o domingo 3 de marzo, ás 17:00 horas, no Pavillón de Cervo para formalizar a inscrición no desfile.
Xa ás 18:00 horas está prevista a saída do mesmo polas rúas de Cervo. A continuación terá lugar a entrega de premios aos mellores disfraces individuais, parellas, grupos e comparsas; que recibirán figuras de cerámica de Sargadelos e cestas de produtos típicos de Entroido.
Como gran novidade, nesta edición as persoas asistentes poderán desfrutar do gran espectáculo itinerante festivo “TChyminigagua”, procedente de Bogotá (Colombia); unha montaxe de comparsa, linguaxe teatral, acrobático e circense coa técnica patentada a nivel mundial de zancos en patíns, que non deixará indiferente a ninguén; e que se trata dunha aportación especial do Concello de Cervo para animar esta cita de Entroido.
As comparsas integradas por máis de 8 persoas, que se inscriban antes do 2 de marzo recibirán unha cesta de produtos típicos de Entroido de balde.
Para máis información os interesados poden chamar aos teléfonos 617 31 31 07 ou 982 55 76 13.

Exit mobile version